Analizamos a Surface 3

Surface 3 - 1

Tras probar a primeira Surface Pro e, máis recentemente a Suface Pro 3, hoxe toca falar da Surface 3. Poderíamos dicir que é a irmá pequena da Pro 3, pero se queremos comparalas coas versións anteriores só podemos dicir que supón un salto moi importante e que temos un produto moito máis refinado e competitivo. Vexamos como é máis polo miúdo.

Especificacións e deseño

A Surface 3 incorpora unha pantalla de 10,8 polgadas tipo ClearType (1920 x 1280 píxeles) e unha relación de aspecto 3:2. No seu interior ten un procesador Intel Atom X7-Z8700 (catro núcelos a 1,6 GHz, 64 bits), 2 / 4 GB de memoria RAM e 64 / GB de memoria interna.

Ten dúas cámaras, a frontal de 3,5 megapíxeles e a traseira de 8, conectividade WiFi + Bluetooth 4.0 e diversos portos (USB 3.0, Mini Display Port, microSD, microUSB só para carga e jack 3.5). Opcionalmente pódese mercar a funda con teclado, aínda que para nós este é un accesorio imprescindíbel para poder sacarlle partido ao dispositivo.

Surface 3 - 3

En canto a deseño,  Surface 3 é unha nova mostra da evolución desta liña de produto desde o seu nacemento no camiño cara un produto óptimo. Moi parecida á Surface 3 Pro, destaca polas súas liñas rectas laterais lixeiramente tornadas cara dentro, marca que as identifica univocamente. Tamén resulta máis delgada e lixeira, con 622 gramos de peso, o que fai máis cómodo o seu transporte en mobilidade.

Destaca novamente a presenza da lapela que permite empregar o trebello en vertical, aínda que neste caso só podemos elixir 3 posicións prefixadas (ademais da básica, pechada en modo tablet) fronte á versión Pro, que permitía un axuste moi personalizado.

Os acabados son metálicos, nunha aleación de magnesio que otorga ao trebello unha sensación moi profesional, que ao tempo tamén evita ter sensación de quecemento cando traballamos moitas horas seguidas co dispositivo. A este respecto, tamén hai que destacar o sistema de refrixeración pasiva dos novos procesadores Atom, que permiten prescindir de ventiladores facendo que sexa un dispositivo silencioso; unha marabilla.

Sistema operativo e experiencia de uso

Comezamos probando o trebello con Windows 8.1, mais coa chegada de Windows 10 actualizámolo para probar a última versión de Windows da que xa demos algunhas chaves.

Hai que sinalar que ao ser un trebello a medio camiño entre unha tablet e un ultraportátil, Windows 10 permítenos seleccionar entre dous modos de traballo: modo estándar ou modo tablet. Así, mentres co primeiro temos a versión de escritorio que xa coñecemos, co novo menú e iconas máis pequenas, se empregamos o modo tablet pasamos a un aspecto de grandes botóns máis similar a Windows 8 / 8.1, máis cómodo e preciso para traballar co dedos.

Surface 3 - 4

O certo é que a actualización mellorou o rendemento e a velocidade de arranque do dispositivo, mais a experiencia de usuario tamén fica actualizada. Neste senso, entre os aspectos que máis nos gustaron están a xestión da multiventá ou o asistente Cortana, bastante útil tanto para facer buscas e lanzar programas tanto no propio dispositivo como a través da Internet.

Surface 3: a nosa opinión

A Surface 3 é unha gran opción se o que buscamos é un trebello compacto e lixeiro co que traballar en mobilidade como se tiveramos un PC completo. Aínda que é certo que por cuestións de potencia non podemos agardar un rendemento óptimo con programas que demandan moitos recursos (Autocad, Photoshop…), certamente podemos realizar todo tipo de traballos con el, pero é no ámbito do consumo de contido onde nos sentiremos máis cómodas.

En canto ás cámaras, non destacan especialmente pola súa calidade, pero cumpren a súa función: coa frontal poderemos ter videoconferencias con bastante nitidez, mentres que a traseira resulta, polo menos para nós, bastante inútil, xa que non é un produto que se preste a ser usado como cámara.

Surface 3 - 2

No que ten a ver co son, os altofalantes que incorpora conseguen unha calidade bastante boa. Hai que sinalar que se sitúan nas dúas partes laterais superiores, co que en ningún caso os taparemos coas mans ao soster o trebello nas mans; ademais están agochadas dentro do corpo do trebello, sen que haxa as típicas rendixas que afean os dispositivos.

A Surface 3 con 2 GB de RAM e 64 GB de memoria interna pódese mercar por uns 650 €, mentres que a opción de 4 GB de RAM e 128 GB de memoria interna custa uns 770 €. A este prezo hai que sumar uns 150 € se queremos ter tamén o teclado oficial, que ao tempo fai de funda.

Ademais, quen queira completar con máis accesorios este dispositivo pode facerse coa Docking Station, pensada para sacarlle máis partido cando esteamos na casa, xa que lle aporta 4 novos portos USB (2 tipo 3.0 e 2 tipo 2.0) e un Giga Ethernet ou o lapis óptico.

Sobre o autor

One Response

  1. Rubenix 1 Setembro, 2015 Responder

Reply