Tal e como se agardaba, Huawei levou á IFA de Berlín, a última das grandes feiras do ano que se celebra esta semana, diversos trebellos. Entre as novidades da marca chinesa destaca o Huawei Mate S, o sucesor do Ascend Mate 7.
Trátase dun trebello cunha pantalla de gran tamaño (6 polgadas con resolución 1080p e protección Gorilla Glass 4) e que non escatima en potencia: no interior alberga un procesador de fabricación propia, o HiSilicon Kirin 935, acompañado de 3 GB de memoria RAM e 32 GB ou 64 GB de memoria interna, segundo versións.
No apartado multimedia, a cámara principal é de 13 megapíxeles con sensor RGBW, estabilizador óptico, LED de dobre temperatura e procesador de imaxe, mentres que na frontal temos un sensor de 8 megapíxeles que tamén inclúe flash, para non ter problemas de iluminación se sacamos selfies en malas condicións lumínicas.
Ao igual que os últimos trebellos da compañía, ten soporte para dúas tarxetas SIM e redes 4G en ambos slots. Así mesmo, integra lector de pegadas dixitais con até 5 funcións diferentes, 4100 mAh de batería e Android 5.1.1 (Lollipop) coa interface Emotion UI 3.1.
Lector de pegadas dixitais avanzado
Como comentábamos, o Mate S integra un lector de pegadas dixitais vitaminado; trátase dun dos aspectos aos que o fabricante chinés prestou máis atención, mellorándoo sobre os lectores que podemos ver en terminais anteriores da marca.
Entre as cousas que podemos facer destaca o control de diversas notificacións, as selfies, responder ás chamadas telefónicas, xestionar as alarmas e, por suposto, aceptar os pagamentos cos sistemas que están por vir antes de que remate o ano, nomeadamente o de Google / Android.
Unha versión con pantalla Force Touch
O Mate S estará dispoñíbel en tres versións, unha estándar con 32 GB de memoria interna, unha premium, que dobra a capacidade (64 GB) e unha terceira que tamén integra pantalla con tecnoloxía Force Touch, que diferenza niveis de presión sobre ela.
Como anécdota da xornada, durante a presentación aproveitaron para usar esta funcionalidade para pesar unha laranxa, mais as posibilidades son case infinitas.
Dispoñibilidade
O Huawei Mate S estará dispoñíbel a partir do 15 de setembro en 30 países, entre eles o noso. Poderase adquirir a través de Vmall.eu por estas cantidades:
- 649 €: Modelo estándar 32 GB (gris titaneo ou champán)
- 699 €: Modelo premium 64 GB (ouro ou rosa)
- ??? €: Modelo con Force Touch (pendente de indicar o prezo)
Que vos parece o novo trebello?