De vez en cando un despiste (ou un despiste intencionado) dunha tenda descubre novos trebellos antes de tempo. Desta vez tocoulle ao Xiaomi Mi4C, un smartphone que o fabricante chinés está preparando para presentar proximamente e do que pouca información había até o de agora, máis aló de coñecermos a súa existencia e algún que outro detalle.
A ficha da tenda deixou ver toda a información do dispositivo, un gama media con pantalla de 5 polgadas (1080 x 1920 píxeles), procesador Snapdragon 808 (seis núcelos a 1,8 GHz), 2 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria interna, cámaras de 13 e 5 megapíxeles e batería de 3000 mAh. Funciona con Android 5.1 e a capa de personalización MIUI 7.0 e dispón de conectividade 4G.
Segundo parece, podería ser presentado o 24 de setembro para pórse á venda pouco máis dunha semana despois, o 3 de outubro, por arredor dos 200 €.