30 €/mes e móbil novo cada ano: é a proposta de Apple o futuro da telefonía?

apple iphone upgrade plan

Hai un par de días Apple anunciou novos dispositivos, entre eles os iPhone 6s e iPhone 6s Plus, dos que xa vos falamos. Xunto a eles chegou tamén unha nova proposta que a compañía de Cupertino ten previsto levar a cabo, polo de agora, nos Estados Unidos. Falamos do iPhone Upgrade Program.

Este programa de fidelización é semellante ao modelo de leasing dos coches, pero aplicado aos móbiles, e xa o temos visto nalgunha operadora que o ofrece aos clientes con maiores consumos. No caso de Apple, quen se apunte poderá disfrutar por 32 $/mes (algo menos de 30 €) do modelo iPhone do momento, e cada ano, segundo se van lanzando novas versións, ilo mudando para estar sempre á última.

Se botamos contas podemos ver que ao ano a suma ascende a 360 €, máis ou menos a metade do que vale un iPhone libre. Se temos en conta que o usuario medio cambia de teléfono cada 2 anos, neses mesmos dous anos viríamos a gastar o mesmo, coa mellora de que polo medio estrearemos teléfono e non nos saltaremos un modelo.

Desde logo, a oferta é moi tentadora e encaixa á perfección coas usuarias de iPhone, tradicionalmente moi fieis á marca e que nunha inmensa maioría xa non se plantexan cambiar a outras opcións. Mais, podería aplicarse a Android?

Na nosa opinión, resulta máis complicado desde o punto de vista de marca, xa que a usuaria de Android dispón de máis opcións co mesmo sistema operativo, o que reduce a fidelidade de marca. Se ben é certo que algúns fabricantes como Samsung (sobre todo coa saga Galaxy Note) e dalgunha maneira a propia Google cos Nexus poderían plantexarse algo semellante á aposta de Apple, no resto de marcas tería pouca aceptación.

Porén, o caso que expuxemos ao comezo dun sistema semellante a través de operadoras, que permita escoller terminal entre un pequeno abano de opcións, sería moito máis acaído para as mentes androides, e quizais un sistema a explorar por máis operadoras e retailers.

Que pensades vós?

Sobre o autor

Reply