Logo de esquecer nun caixón o fracasado Firephone, Amazon vén de anunciar o lanzamento de novas tablets do seu portfolio Fire HD, trebellos que se actualizan cunhas especificacións adaptadas ao 2015 pero que seguen apostando por unha política de prezos á baixa, pensando en sacar tallada a través das vendas na tenda virtual.
Amazon Fire HD8 e Fire HD10
As novas Fire HD8 e Fire HD10 son dúas tablets practicamente iguais, tanto en deseño (con marcos metálicos e un grosor axustado a 7,7 mm) como en especificacións, onde atopamos no diferente tamaño de pantalla e almacenaxe interno as maiores diferenzas.
- Pantalla IPS de 8 e 10.1 polgadas (1280 x 800 píxeles e relación de aspecto 16:10).
- Procesador MediaTek Quad Core MT8135 a 1,5 GHz.
- RAM: 1 GB
- Memoria interna: 8 / 16 GB e 16 / 32 GB
- Son Dolby Atmos
- Cámara principal de 5 Mpx / frontal VGA HD
Como sistema operativo empregan Fire OS 5 “Bellini”, un fork baseado en Android que integra a tenda de aplicacións da compañía.
Aínda que non temos os prezos en euros, imaxinamos que farán unha conversión 1 $ = 1 € no momento de comercializala acó. Os PVP en USA son:
- Fire HD8: 149 $
- Fire HD10: 229 $
Fire de 59,99 €
Ademais desdes modelos, Amazon anunciou unha tablet Fire con pantalla de 7 polgadas (1024 x 600 píxeles), procesador Quad Core a 1,3 GHz, 1 GB de memoria RAM, cámaras frontais e traseira e unha autonomía de 7 horas de uso.
Mais o que fai especial a este trebello é sen dúbida o seu prezo, xa que se comercializa por 59,99 €. Ademais, nos Estados Unidos tamén se poderá mercar nun pack de 6 por 250 $, facendo que sexa un bo agasallo de Nadal para cada membro da familia.
Fire TV
Por último, as novidades hardware de Amazon tamén trouxeron un novo Fire TV con prestacións actualizadas e compatíbel con contido 4K.
Comercialízase por 99 dólares, aínda que en outubro chegará unha versión para gamers con máis memoria (32 GB), un mando a distancia e 2 xogos. Custará 139 dólares.
Que vos parecen as novidades de Amazon?