Onte á tarde tivemos un evento no que se presentou unha interesante actualización tanto de productos coma de software. No apartado do software destaparon a nova versión de Android que se chama Marshmallow.
Entre as novas características destacan as seguintes:
- Multiventá de xeito nativo: resulta moi interesante cando traballamos con dispositivos con pantallas grandes, pois permite ter dúas ventás abertas na pantalla. Está posibilidade ofrécea Marshmallow de xeito nativo sen precisar apps de terceiros ou capas dos fabricantes.
- Now on Tap: é unha expansión de Google Now a todo o noso dispositivo. Até de agora Google Now funciona cunha serie de tarxetas que previamente predefinimos, pero agora con Now on Tap imos máis aló. Por exemplo, se recibimos unha mensaxe no que unha amiga dinos de ir ao cine ver unha película, pulsando de xeito prolongado sobre a mensaxe, aparecerá información relevante sobre a película. Esta nova función abre unha chea de posibilidades.
- Comandos de voz máis completos: desde Marshmallow, as apps poderán facernos preguntas por voz, para lanzar unha vez máis por voz o contido no que estamos interesados.
- Mellora na autonomía do terminal: isto conséguese minimizando os procesos en segundo plano cando o terminal non o usamos e mesmo aumentando a frecuencia de sincronización das apps. Tamén todas aquelas apps que empregamos moi de cando en cando, reducirán o consumo de batería. Por exemplo, para os que non apagamos o terminal polas noites é unha opción moi proveitosa.
- Administrador de permisos: con esta nova versión do SO podemos ter maior control sobre os permisos que damos ás aplicacións que temos instaladas. É dicir, agora podemos especificar que permiso lle damos ou non a unha aplicación.
- Autenticación por pegadas datilares: con Marshmallow chega o soporte oficial para lectores de pegadas que polo de agora podemos empregar para facer pagos ou desbloquear o terminal.
- Novas funcións na pantalla de bloqueo: xa non dispoñemos de acceso directo ás chamadas senón aos comandos de voz de Google e soluciona o problema de Lollipop no que ás veces abrindo unha notificación acababamos abrindo a cámara, pois agora, temos que pulsar sobre a icona para acceder á app de cámara ou comando de voz, non chega con deslizar dende calquera punto da pantalla.
- Desactivar notificacións emerxentes: este tipo de notificacións non convenceu a moitos, polo que en Marshmallow dase a posibilidade de desactivalas.
- Eliminar unha captura de pantalla dende a notificación: en versións anteriores non tiñamos esta posibilidade, pero xa foi incluída.
- USB para só carga: cando conectamos o terminal por USB a un PC, por exemplo, non tiñamos a posibilidade só de carga, se non que nos daba a opción na que desexabamos transferir arquivos xunto á carga. Dende agora, xa podemos elixir só carga.
- Explorador de arquivos: neste renovado Android 6, contamos un novo deseño da aplicación de almacenamento incluíndo un explorador de arquivos para acceder a todos os cartafoles do noso terminal. Os exploradores de arquivos eran unha app básica a instalar cando tocabamos por primeira vez un terminal, que dende agora xa é unha app de sistema.
- Amosar a porcentaxe de batería na icona no escritorio: por raro que pareza, este dato tan convinte, non estaba dispoñíbel nos Android puros cos que contaban os Nexus. Dende Marshmallow, xa podemos ver o porcentaxe de batería na icona da barra de notificacións.
- Novo control de volume e novo deseño da opción non molestar: o control de volume simplifícase moito respecto a versión anterior, pois agora vemos tres barras: ton, multimedia e alarma, cando se depregan as opcións de volume.
- Unidade USB e microSD xa teñen soporte oficial: de xeito nativo podemos empregar o USB ou microSD para acceder arquivos almacenados nestes soportes ou para usalos como almacenamento interno, podendo instalar apps nestes dispositivos.
Estas son algunas das novidades que integra a nova versión do noso sistema operativo móbil favorito que vai chegar nos vindeiros días aos terminais Nexus, e ao resto, en datas posteriores, xa dependendo do interese do resto de fabricantes.