Desde que no 2013 Facebook anunciou o proxecto Internet.org, orientado a levar Internet gratuíto vía satélite ás zonas máis desfavorecidas, poucas novidades concretas tivemos, máis aló de titulares que nos axudaron a ir vendo as ideas xerais do programa.
Porén, esta semana Mark Zuckerberg, fundador de Facebook, saiu ao paso das críticas que se fixeron ao programa e aos problemas xurdidos co mesmo, anunciando unha alianza con Eutelsat para lanzar o primeiro dos satélites que ofrecerá acceso a Internet de xeito gratuíto en África. O terceiro socio no proxecto é Spacecom, unha compañía israelí que será a encargada de dar o servizo de conexión.
Este primeiro satélite, o AMOS-6, atópase en fase de construción e será lanzado, con toda probabilidade, cara finais do 2016. Encargarse de dar conexión a 14 países da África subsahariana, aínda que obviamente será un servizo capado e limitado a necesidades básicas e a todo o universo Facebook.
Por algo se empeza, non?