Analizamos o Innjoo One

O abano de marcas con Android cada vez é máis amplo, o que verdadeiramente complica as cousas á hora de escoller un dispositivo ou outro para mercar, pensando que ese trebello nos acompañará durante bastante tempo no peto ou no bolso.

Entre os fabricantes que nos últimos tempos chegaron oficialmente ao noso país temos a Innjoo, unha compañía chinesa que conta con varios smartphones no seu portfolio, aínda que é o Innjoo One o que acapara todas as miradas polo seu coidadísimo deseño e acabados.

Deseño, acabado e conexións

Como comentabamos, o Innjoo One chama a atención especialmente polo seu deseño e acabados sobresaíntes, cunhas dimensións axustadas ao tamaño da pantalla para que non sexa unha molestia levalo en calquera peto. Os acabados na parte dianteira e traseira son en cristal, e os catro laterais son metálicos.

innjoo one - 2

No lateral esquerdo temos as dúas bandexas extraíbeis para as tarxetas SIM (unha micro e outra nano) e microSD; na superior o jack 3.5 de audio, na inferior o microUSB e xa no lateral dereito os botóns (acendido e controis de volume). Na parte traseira está a cámara, perfectamente integrada no corpo do dispositivo, sen sobresaír.

Pantalla

A pantalla é un panel IPS HD de 5 polgadas con resolución 1280 x 720 píxeles, e aínda que se ve bastante ben e unha distancia media, se afinamos a vista ás iconas somos quen de distinguir os píxeles, o que nos lembra que estamos ante un trebello de gama media.

innjoo one - 4

Hai que destacar o sobresaínte comportamento en contornas luminosas, onde seremos quen de traballar sen maior problema ou incómodos reflexos.

Sistema operativo

O trebello vén de fábrica con Android 4.4.4 (KitKat), o que quizais sexa un dos puntos máis febles do dispositivo, se temos en conta que xa imos dúas versións por diante (Android 5.0 Lollipop e Android 6.0 Marshmallow). Con todo, a compañía ten previsto actualizar a Android 5.0 “proximamente”, pero seguramente esa sexa a súa última actualización.

innjoo one - 1

Trae por riba unha capa de personalización moi semellante á que teñen outros dispositivos chineses, con iconas cadradas e sen un caixón de aplicacións. Non atopamos exceseivo software preinstalado ou propio, sendo o máis destacado un limitado editor de vídeo.

Cámara

No apartado fotográfico atopámonos un sensor traseiro de 13 megapíxeles (con apertura f/2.0) e unha frontal de 5 megapíxeles (apertura f/2.4).

O certo é que ficamos gratamente sorprendidos coa calidade da cámara principal, que superou as nosas espectativas iniciais. Non queremos dicir con isto que sexa unha marabilla, pero comparándooa coas que integran outros trebellos da mesma gama esta fica claramente por riba, conseguintdo boa definición e nitidez nas imaxes. Podedes ver algunhas mostras no noso perfil de Flickr.

A cámara frontal ten un simple carácter compridor, dentro da media.

Batería

A batería é interna e non extraíbel, cunha capacidade de 2600 mAh. Durante os días de probas durounos un día enteiro sen problema, pero non pasa de aí; é dicir, hai que poñelo a cargar todas as noites. Non dispón de carga sen fíos ou sistema de carga rápida.

Conclusións

O Innjoo One é un trebello que nos deixou bastante satisfeitos. Conta con especificacións de gama media, como un procesador MediaTek MT6592M (8 núcleos a 1,4 GHz), 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, pero envoltos nuns acabados de gama premium, o que fai que teñamos un dispositivo moi resultón.

innjoo one - 3

Para un usuario medio o dispositivo cumpre sobradamente: o deseño é atractivo, o rendemento bo e a cámara máis que aceptable. E todo iso a un prezo axustado.

O Innjoo one está dispoñíbel en dúas versións, atendendo á conectividade, 3G ou 4G. Pode mercarse na tenda online da compañía.

Sobre o autor

No Responses

Reply