Eis o Samsung Z3. Non será un supervendas nin se falará moito del, pero é unha mostra máis de que Samsung segue sen descartar usar Tizen OS nos seus smartphones como unha alternativa á Googledependencia que lle implica usar Android.
Nos últimos tempos vimos como a compañía surcoreana deceleraba o uso de Tizen en smartphones para orientalo a un suculento novo negocio, o dos wearables, cos reloxos Gear como epicentro deste mundo. Mais agora chega este novo trebello, o Z3, claramente inspirado no Galaxy A3.
Das súas características destacamos as seguintes:
- Pantalla SuperAMOLED HD de 5 polgadas (720p).
- Procesador quad-core Spreadtrum a 1,3 GHz.
- 1 GB de memoria RAM.
- 8 GB de memoria interna (ampliábel por microSD).
- Cámaras de 8 e 5 Mpx.
- Dual SIM.
- 2600 mAh de batería.
Como curiosidade, Samsung engadiu no trebello un sistema de ultra aforro de datos co que aseguran poder reducir até nun 50% o consumo de datos, o que sen dúbida é unha boa nova para aqueles usuarios con tarifas axustadas.
Venderase, nun principio, unicamente na India por uns 140 euros ao cambio en dourado, negro e prata.