Almacenaxe interna? Non, nube. Así é Robin

Á hora de escoller un teléfono para mercar é importante fixármonos na capacidade da súa memoria interna e ter en conta que os 8, 16, 32, 64 ou 128 GB non van estar dispoñíbeis na súa totalidade para as usuarias, xa que nese espazo tamén se almacenan cousas do sistema operativo.

Isto é máis importante do que puidera parecer nun comezo, xa que cada vez somos quen de sacar mellores fotos ou vídeos en calidade 4K, disfrutar de capítulos de series nas grandes pantallas dos nosos teléfonos e moitas outras cousas que requerirán, máis tarde ou máis cedo, que teñamos memoria abonda.

Robin, un smartphone na nube

Neste escenario aparece Robin, un proxecto xurdido de Kickstarter que pretende crear un teléfono altamente vencellado á nube, optimizando así o uso da memoria interna.

robin - 4

O trebello aprenderá que aplicacións empregamos e cales non, facendo unha copia das mesmas (cos datos que puidéramos ter vencellados a elas) na nube, de tal xeito que poderemos volver a elas, no punto que as deixamos, cando precisemos. Do mesmo xeito Robin copiará as fotos e outros arquivos cando detecte que imos quedando sen espazo físico, aínda que manterá unha icona de todo para que teñamos a sensación de non ter os arquivos externalizados (algo semellante ao que vemos na app de Dropbox).

robin - 1

No que ten a ver coas especificacións do terminal, estamos ante un dispositivo que poderíamos considerar de gama alta. As máis relevantes son as seguintes:

  • Pantalla IPS LCD FullHD de 5,2 polgadas.
  • Procesador Snapdragon 808.
  • 3 GB de RAM.
  • 32 GB de memoria interna + 100 GB na nube.
  • Cámaras de 13 e 5 Mpx.
  • USB Type C, Bluetooth 4.0, nanoSIM.
  • Batería de 2680 mAh con carga rápida.

Por outra banda, emprega unha ROM propia baseada en Android 5.0 Lollipop, coa intención de ser actualizábel a Android Marshmallow. A modificación do sistema ten moito que ver coas copias de seguridade, que por certo, faranse (a menos que a usuaria escolla outra cousa) a través da rede WiFi e cando o teléfono estea a cargarse, algo que adoitamos facer ás noites, sen influír polo tanto ao funcionamento normal do dispositivo nin consumirnos a tarifa de datos.

robin - 1

Podedes atopar máis información sobre o proxecto na páxina de KickStarter.

Sobre o autor

No Responses

Reply