HTC vén de anunciar novo terminal, o HTC One A9, un trebello que xa fora practicamente desvelado hai apenas cinco días e que supón a última esperanza da compañía para tratar de remontar as preocupantes cifras de venda que vén colleitando nos últimos tempos.
Cun deseño claramente inspirado no iPhone de Apple, o novo HTC reduce o grosor dos predecesores e mantense nas 5 polgadas de pantalla, un tamaño a medio camiño entre as usuarias que demandan terminais moi grandes e os que prefiren algo máis axustado ás mans.
As especificacións que integran son dun gama media premium. A súa pantalla é un panel AMOLED de 5 polgadas con resolución Full HD e protección Gorilla Glass; no interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 617, acompañado de 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis con microSD de até 2 TB.
No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 13 megapíxeles con estabilizador óptico de imaxe e sensor de iluminación BSI. Na frontal apostan novamente polos 4 ultrapíxeles, unha tecnoloxía que levan empregando desde o primeiro One, lembremos que primeiramente na cámara principal e ultimamente na secundaria.
A batería é de 2150 mAh. Numericamente seméllanos algo escasa, aínda que habería que probalo para ver como se comporta. Iso si, dispón de carga ultrarrápida. Así mesmo, o HTC One A9 incorpora un lector de pegadas dixitais de cara a ser compatíbel cos pagamentos móbiles.
Sairá á venda coa última versión de Android, 6.0 – Marshmallow, sobre a cal levará a habitual capa de personalización da compañía, HTC Sense, na súa versión 7.0
O HTC One A9 estará dispoñíbel en catro cores (granate, dourado, prata e gris escuro) e poderase mercar a partir do 1 de decembro por uns 600 euros.
Que vos parece? Gústavos este novo trebello?
Se digo que non me gusta tendo un iPhone6plus… en fin que un pouco copia… non?
HTC era unha das miñas marcas antes de Apple e dos iPhones, pero de verdade, van directos á desaparición.
Desde logo, esta imaxe é unha boa mostra: https://pbs.twimg.com/media/CRxgrsNWwAAKY_Q.png