Oppo, unha das marcas chinesas do momento, vén de anunciar novo dispositivo, o Oppo R7S. Trátase dun terminal da que chamamos gama media premium, é dicir, un trebello que ten unhas especificacións de gama media pero uns acabados de categoría, neste caso co metal como material protagonista.
No apartado técnico incorpora unha pantalla AMOLED de 5,5 polgadas con reslución FullHD, e no seu interior atopamos un procesador Snapdragon 615, acompañado por 4 GB de memoria RAM e 32 GB de almacenaxe interna, ampliábeis con tarxetas microSD. A batería é de 3070 mAh con sistema de carga rápida, e as cámaras de 13 e 8 megapíxeles. Así mesmo, dispón de conectividade 4G e dobre bandexa SIM.
Como sistema operativo emprega Android 5.1 coa capa de personalización Color OS 2.1, e no que ten a ver co deseño, destaca a súa delgadez, cun grosor de tan só 6,95 mm, e o uso do metal, dispoñíbel en dous acabados: dourado ou prata.
Chegará a Europa e Estados Unidos no mes de decembro, aínda que o prezo é polo de agora unha incógnita.