O Samsung Gear S2 á venda o venres 23

Xa non queda nada. Este venres 23 de Outono póñense á venda tanto nas tendas físicas como en liña os novos reloxos intelixentes de Samsung. Referímonos ao Samsung Gear S2 e á súa versión Classic, cuxos prezos de venda recomendados fican nos 349 e 379 euros, respectivamente.

samsung gear s2 presentacion - 3

Onte tivemos ocasión de realizar un primeiro achegamento a estes dous novos trebellos, de idéntico funcionamento, que destacan – coas súas diferenzas – por ter un deseño que racha coa liña dos wearables previos da compañía surcoreana e apostan por un deseño circular e o minimalismo.

Arredor da esfera temos un bisel xiratorio, un elemento que xunto aos botóns ‘Inicio’ e ‘Atrás’ permite xestionar axilmente as aplicacións e as notificacións que nos cheguen ao reloxo desde o teléfono.

samsung gear s2 presentacion - 4

O Gear S2 (nas fotos, con correa branca) ten apenas 11,4 mm de grosor e integra unha pantalla circular de 1,2 polgadas, cuxa resolución é de 360 x 360 píxeles (302 ppp). Do seu hardware destacan os 4 GB de memoria interna que nos poden servir para almacenar a nosa música (ollo, tamén poderemos controlar a que teñamos no móbil co reloxo) ou a presenza do NFC, co que poderemos realizar pagamentos móbiles a través de sistemas como Samsung Pay, recentemente anunciado e que en breve estará dispoñíbel no noso país.

Vén preparado para resistir somerxementos leves na auga. Isto quere dicir que poderemos ducharnos con el ou facer deporte sen medo a que a suór poida estragar o trebello, pero non debemos empregalo para nadar na piscina (e moito menos no mar, pola corrosión). O sistema de carga de batería é sen fíos, por inducción magnética, a través dunha base que se conecta por microUSB á toma de corrente.

samsung gear s2 presentacion - 2

Sobre a batería, Samsung promete unha autonomía duns dous días de carga. Isto é posíbel en parte grazas ao uso dunha pantalla AMOLED, cuxo consumo nos píxeles en negro é hiperreducido. Ademais implementaron un sistema de aforro de enerxía, semellante ao que inclúen os últimos teléfonos da compañía, que permite aumentar as horas de vida se imos xustos de enerxía.

samsung gear s2 presentacion - 5

Como diciamos ao comezo, o Gear S2 está dispoñíbel en dous acabados. O ‘estándar’ podémolo mercar con corpo gris escuro e correa gris escura ou corpo prateado e correa branca. Por outra banda existe a versión Classic, cun deseño menos futurista e máis semellante aos reloxos tradicionais, que está dispoñíbel co corpo negro e a correa en coiro.

samsung gear s2 presentacion - 1

O sistema operativo que emprega é Tizen, e dispomos dunha ampla serie de aplicacións específicas para este reloxo na tenda de Samsung. Así mesmo, as opcións de personalización destes trebellos son moi elevadas, pois ademais de podermos mudar as esferas por software poderemos intercambiar as correas facilmente para adaptalas aos nosos gustos ou necesidades, sobre todo na versión Classic, que emprega correas estándar.

Os Gear S2 son o resultado de ter escoitado as demandas das usuarias en canto a gustos e necesidades, algo que tamén se reflexa na liberación da obriga de dispór dun terminal Samsung para os empregar, pasando a ser compatíbeis con todos os Android. Supoñen tamén unha mostra máis da madurez que atravesa Samsung en todos os seus produtos, sobre todo logo dos Galaxy S6 e a nova saga Galaxy A.

En breve teremos unha completa review sobre estes reloxos no blog. Mentres tanto, que vos parecen?

Sobre o autor

Reply