Filtradas as especificacións dos Samsung Galaxy On5 e On7

Case ao tempo que Internet desvela as primeiras rumoroloxías sobre o Galaxy S7, o próximo buque insignia de Samsung, aparecen tamén imaxes e especificacións de dous trebellos de gama de entrada que a compañía coreana ten previsto presentar en próximas datas.

Falamos dos novos Galaxy On5 e Galaxy On7, dúas alternativas que comparten a moitas das súas características técnicas, así como deseño e acabados en plástico. Ademais, ambos veñen con procesadores Exynos 3475, de catro núcleos a 1,3 GHz, 1,5 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD.

samsung galaxy on5 - 1

Ollando as diferenzas, o Galaxy On5 incorpora unha pantalla de 5 polgadas con resolución 720p, cámaras de 8 e 5 megapíxeles e batería de 2600 mAh, mentres que o Galaxy On7 sube o tamaño da pantalla até as 5,5 polgadas (mantendo a resolución a 720p), a cámara principal acada os 13 megapíxeles e a batería fica nos 3000 mAh.

Nun primeiro momento está previsto que se comercialicen na India, non sabemos se con intención de vendelos tamén no continente europeo e, por ende, no noso país. Os prezos orientativos serían ao cambio duns 135 euros para o Galaxy On5 e arredor de 175 euros para o Galaxy On7.

Sobre o autor

Reply