O Nexus 5X á venda no noso país o 9 de novembro desde 479 €

Logo do evento de presentación dos novos Nexus (Nexus 5X e Nexus 6P) e Android 6.0 – Marshamallow faltaba por saber cando poderíamos facernos con el. Na parte que lle corresponde, LG vén de confirmar que o Nexus 5X estará á venda o 9 de novembro, por 479 € a versión de 16 GB ou 526 € no caso da de 32 GB.

Como vén sendo tradición nos últimos Nexus, o seu hardware non é o máis avanzado do momento (cando menos numericamente), senón que Google aposta por unha combinación de hardware – software que dea bo resultado en canto a rendemento.

nexus 5x - 2

O trebello fabricado por LG incorpora unha pantalla de 5,2 polgadas cunha densidade de 423 ppp. No seu interior alberga un procesador de seis núcleos e 64 bits a 1,8 GHz, o Qualcomm Snapdragon 808, acompañado de 2 GB de memoria RAM, 16 ou 32 GB de memoria interna e batería de 2700 mAh, que ademais pdoe ser cargada sen fíos.

No apartado fotográfico aposta por un sensor principal de 12,3 megapíxeles e f/2.0, quedando como cámara frontal secundaria un de 5 Mpx. Dispón de conectividade 4G Cat6, NFC, USB-Type C Bluetooth 4.2 e lector de pegadas dixitais, un elemento que será chave para a realización de pagamentos móbiles, tanto por Android Pay como por outros sistemas que chegarán ao noso país nos vindeiros meses.

Durante a presentación LG destacou pequenos detalles do novo terminal fabricado en colaboración con Google que mellorarán a experiencia do usuario, como que o sensor biométrico é capaz de recoñecer á pegada dixital das usuarias en 0,6 segundos, que o USB-Type C permite tanto a carga como a transferencia de datos máis rápida ou que a presenza dun pequeno sensor situado sobre a pantalla axuda a opter mellores fotos en condicións de luz limitada.

O Nexus 5X estará dispoñíbel en 3 cores: antracita (negro), cuarzo (branco) e xeo (azul). Poderase reservar desde o día 3 de novembro.

Sobre o autor

No Responses

Reply