Nestes tempos nos que damos moita importancia á calidade das cámaras e tendemos a exixir cada vez mellores resultados fotográficos aos nosos smartphones, sorprenden apostas como as de Dass, un fabricante dos EAU que aposta polo contrario: omitir a cámara e, xa de paso, o GPS.
O terminal en cuestión é o Dass H-One, que aspira a ser un dispositivo para entornos empresariais nos que a privacidade é un factor determinante. É por ilo que prescindir de cámara evita que poida ser empregado para filtrar documentos ou que as usuarias poidan ser localizadas polo GPS.
En canto a especificacións, trátase dun dispositivo de gama media, con pantalla de 4,5 polgadas qHD (960 x 540 píxeles), procesador Qualcomm Snapdragon 410, 2 GB de memoria RAM e conectividade 4G, ademais de dual SIM.
Está dispoñíbel na tenda da compañía por uns 380 euros ao cambio, un prezo algo elevado dadas as especificacións do terminal, pero que varias empresas poden estar dispostas a pagar por ter ese plus de seguridade. Vós que opinades?