Moitas das mensaxes de correo que contestamos desde os nosos móbiles admiten respostas rápidas do tipo “estou traballando niso”, “máis adiante xa cho envío”, … Esta cuestión é analizada por moitos teclados que temos ao noso dispór na Play Store, que aprenden das nosas respostas para anticiparse ao que imos dicir, propoñendo a seguinte palabra que completará a nosa frase.
Google estivo traballando para levar este tipo de solucións a Inbox, a aplicación de xestión alternativa a Gmail. Na seguinte actualización da app, que se irá recibindo paulatinamente esta semana, engadiuse Smart Reply, un sistema que entende a mensaxe de correo e prepara unhas poucas respostas curtas que poderemos empregar se o cremos convinte.
Smart Reply ofrecerá até un máximo de tres opcións, que se poden enviar tal e como se ofrecen ou editándoas para completalas. En calquera caso, esta solución aforraranos tempo e pulsacións.
Nun primeiro momento esta funcionalidade só estará dispoñíbel en inglés, pero imaxinamos que nos próximos meses tamén chegará a outras linguas.
Inbox é unha aplicación gratuíta que podemos descargar desde a Play Store.