R confirma o 4G para o 2016

Logo de que Mallando no Android publicase antonte en exclusiva a nova oferta de combos que prepara R, con velocidades de 50, 150 e 350 Mbps, así como a suba de prezo en todos os produtos fixos actuais, na Tarifa 1 de móbil e en servizos complementarios, chegan as primeiras confirmacións sobre o 4G.

Segundo afirman fontes da compañía, R non dará acceso ao 4G á súa clientela até o 2016 (“o 4G será algo que teñamos para o ano. Si ou si”), deixando a porta a que non sexa Vodafone a operadora que forneza de cobertura ás usuarias: “dunha ou doutra forma os nosos clientes vano ter”.

Vodafone, e non a propia R (que sempre se manifestou partidaria de ofrecer este servizo á clientela) semella ser a principal eiva para non ter aínda 4G. A operadora británica mantivo unha actitude negativa neste tema con todos os OMVs que dependen dela, o que levou por exemplo a Pepephone a trasladar aos seus clientes á rede de Movistar.

Neste senso, a actitude de Orange, o operador máis permisivo cos OMVs que traballan coa súa rede, é ben diferente á de Vodafone, e a meirande parte deles xa navegan a 4G. Entre eles inclúese o outro operador galego, Ocean’s, que esta mesma mañá anunciou a dispoñibilidade do servizo para todas as clientas.

Tamén traballa con Orange a vasca Euskaltel, que hoxe deu o último paso para a adquisición de R, o que sitúa á operadora laranxa como a compañía mellor posicionada para recibir a R, xa que con Euskaltel e R unidas a capacidade de negociación será moito mellor.

Sobre o autor

No Responses

Reply