Ultimamente Google está a darlle moito pulo a YouTube. Se hai unhas semanas anunciaba YouTube Red, o servizo de suscrición que por 9,90 dólares elimina os anuncios, permite descargar os vídeos e dá acceso a contidos exclusivos, esta semana tocoulle a YouTube Music.
YouTube converteuse nestes anos nunha estupenda plataforma musical, tanto por vídeoclips e versións como pola publicación de discografías completas. Por iso son moitas as usuarias que empregan a cotío este servizo de vídeo para escoitar música, e para todas elas está pensada YouTube Music.
O que fai YouTube Music é, dunha banda, facilitar o descubrimento de nova música, mais tamén permitir a reprodución en segundo plano ou elixir se queremos ver o vídeo ou só escoitar o son, co obxectivo de aforrar datos nas nosas tarifas. Malia ser unha ferramenta gratuíta é compatíbel coa suscrición a YouTube Red, e nese caso disfrutaremos tamén das vantaxes dese servizo, como a posibilidade de descargar contido ou a ausencia de publicidade
A aplicación está dispoñíbel na Play Store, aínda que polo de agora non se pode instalar oficialmente no noso país. Podémola descargar desde APK Mirror para proceder á instalación manual.