Hoxe fanse 8 anos do lanzamento de móbilR

Cando levaba oito anos prestando servizos de teléfono, Internet e televisión, tal día coma hoxe – un 20 de novembro – de 2007, R anunciou o lanzamento do seu servizo de telefonía móbil. Este foi un importante paso para a compañía, que con ese movemento entraba a competir no chamado cuádruple play nun momento no que falar de converxencia de servizos de telecomunicións aínda soaba un tanto utópico.

Logo dun breve período de probas aberto a 500 clientes pioneiros, o 3 de decembro dese mesmo ano R abriu o servizo a todos os clientes ofrecéndolles dúas tarifas de voz (flexible e tarde), prezos de sms que decrecían cantas máis mensaxes se enviasen, datos a prezos que hoxe soan prohibitivos e un módulo de aforro R – R que permitía falar con fixos e móbiles da compañía por 3 cént/min, nunha sorte de chiscadela ás chamadas de balde entre fixos R que caracterizaran as orixes da compañía.

Clientes, sempre en aumento

evolucion clientes mobilr

Desde o momento do seu lanzamento, o número de clientes de móbilR foi sempre en aumento, aínda que como se pode ver na gráfica superior durante o último ano o crecemento algo máis moderado. Antes de cumprirse un ano da posta en marcha da telefonía móbil, en xullo de 2008, anunciaron os 18.000 clientes no servizo.

O 2011 rematou con 118.741 clientes de móbil. En novembro de 2012 acadaron os 200.000 usuarios e en setembro de 2013 os 300.000. 2014 rematou con 364.490 usuarios de móbilR.

A unificación de todos os servizos de telecomunicacións nunha única factura e cun único servizo de atención ao cliente son algúns dos factores que xustifican este éxito. Mais tamén o é unha intensa campaña de captación con importantes descontos nos servizos fixos por ter o móbil con R.

Tarifas en cambio constante

É complicado facer unha evolución gráfica das tarifas de móbil, pois ao longo deste ano creáronse ducias de produtos e mudaron de prezo ou condicións outras tantas veces. O mercado do móbil foi un dos máis dinámicos nestes últimos anos, e as tarifas fóronse adaptando tanto aos cambios de hábitos como ao drástico descenso de prezo dos servizos.

Comentabamos antes que no 2007, á hora de lanzar o servizo de móbilR, había dúas tarifas: tarde e flexible. A primeira, habitual en todas as compañías por aquel entón, establecía 2 franxas horarias: unha de tarde/noite e fin de semana a prezo reducido (9 cént/min) e outra de mañá coas chamadas máis caras (29 cént/min). Porén, a tarifa flexible era máis innovadora, establecendo un prezo por minuto que dependía das chamadas no total da factura: 19 céntimos até 50, 17 céntimos até 100, 15 até 200 e 13 para máis de 200 chamadas.

r latas sardiñas

No que ten a ver cos datos había un servizo de correo móbil con 10 MB por 6 euros/mes ou unha tarifa plana de 1 GB por 29 €/mes. En ambos os casos cobrábanse os excesos a 0,50 €/MB, e se non se tiña contratado nada a tarifa estándar era de 1 €/MB.

O 2009 acabaría con melloras importantes nas tarifas móbiles, incluíndo a famosa tarifa mini, con chamadas a 6 cént/min a calquera hora, e bonos de datos a prezos máis razonábeis e con reducción de velocidade a 64 kbps: 50 MB por 6 €, 250 MB por 12 €, 1 GB por 19 €, 3 GB por 39 € e 5 GB por 49 €. No 2010 apareceu a primeira mini+Internet, que por 9 €/mes incluía, ademais das chamadas a 6 cént/min, 50 MB de navegación. Esta tarifa evolucionou incrementando os datos ano tras ano até que deixou de ser comercializada.

No 2011 a oferta mudou radicalmente cunha tarifa única de 8 cént/min, dúas propostas de mini+Internet (unha con 250 MB por 9 €/mes e outra de 1 GB por 19 €/mes) e tarifas planas desde os 19 aos 49 €, con distintas cantidades de minutos e sms incluídos, aínda que todas cons 250 MB de Internet.

No 2013, ademais de facer importantes cambios nas tarifas planas, apareceu outra das tarifas mínicas: a tarifa cero, con datos incluídos na cota de 9 €/mes (1 GB) e chamadas nas que só se pagaba o establecemento. A finais de 2014 esta tarifa contaba con 1,5 GB e, para acompañala, apareceu a tarifa 1, cunha conta inferior (7 €/mes), 500 MB e chamadas a 1 céntimo no canto de 0.

O 2015 remata cunha oferta de móbil simplificada en 5 tarifas, catro planas e unha de pago por consumo.

unnamed

Terminais

Desde as súa orixes, móbilR caracterizouse por ofrecer os terminais móbiles libres, unha política que acabarían replicando todos os operadores (algúns obrigados por cambios na lexislación). Primeiro aplicaron unha política de subvención de terminais, que tras moito tempo eliminaron para mudala por un financiamento pouco competitivo, xa que en moitos casos o prezo final era moi superior a mercalos directamente en calquera tenda. En xaneiro de 2014 recuaron aplicando unha política de subvención + financiamento que semella estar funcionando ben.

htc touch

O catálogo de dispositivos contaba inicialmente con moito Nokia e un HTC Touch como dispositivo estrela. O abano de terminais e marcas foi mudando conforme á evolución do mercado e tamén por acordos con empresas e marcas que garantían un bo servizo postvenda.

Na actualidade o catálogo ten trebellos adaptados a todas as necesidades, tanto gamas premium como terminais de acceso, de marcas como Samsung, LG, Huawei, BQ ou Apple, entre outras. A aposta por Android é máis ca evidente, pois tamén é o que están a demandar as usuarias.

Cobertura

R non conta con espectro radio para servizos de móbil, agás unha banda nos 2600 MHz que conseguiu nun dos últimos refarmings do 4G. A compañía non deu uso comercial a esta licenza por non ser competitivo o custe do despregamento, aínda que si fixeron probas na cidade da Coruña, ás que tivemos acceso nós en xaneiro de 2013.

Desde os seus inicios R ten alugada a rede móbil con Vodafone. Isto fixo que o esforzo inversor da operadora británica en Galiza en mellora da súa rede fose máis importante do normal, pois temos que ter en conta que R rematou o pasado exercicio sendo a maior operadora móbil no país, que sumados aos clientes propios de Vodafone supoñen unha importante carga de rede.

Porén, nos últimos tempos Vodafone está a ser para un problema para R ao negarlle sistematicamente o acceso ás redes 4G, unha espera que está a desesperar a unha parte importante da clientela da operadora galega. No 2016 haberá 4G con móbilR, aínda que cada día cobra máis forza a idea de Orange como proveedor desa rede.

Servizos avanzados

Desde as súas orixes, R quixo fortalecer a idea de non ser un operador máis de móbil, en parte grazas a ser un OMV completo. Isto levou a que a innovación neste campo fose constante, e desde o comezo tivese acceso a servizos avanzados que outros OMV non ofrecían, como contestador avanzado ou chamadas perdidas.

Malia que moitos destes servizos tamén se ofrecen a particulares, os produtos máis avanzados estiveron máis ligados aos produtos para pemes e empresas, como o multiring, o fixo no móbil ou as VPN. Outros fixéronse máis populares entre o público con varios trebellos, como as multiSIM, e nos últimos tempos tamén lanzaron a nubeR, un disco duro virtual con back up automático de fotos.

wificlientesR

Mención á parte merece wificlientesR, a maior rede WiFi de Galiza só dispoñíbel para clientes de R. É un servizo gratuíto co que as usuarias de móbilR poden acceder a máis de 70.000 puntos de acceso WiFi por todo o país, que ten un duplo obxectivo: aforrar datos nas tarifas móbiles e mellorar a conectividade en interiores dos locais comerciais. Actualmente ofrecen 20 GB a máxima velocidade a través deste servizo.

Futuro

Moitas son as preguntas que nos podemos formular sobre o futuro de móbilR, e moitas delas só atendendo a cuestións básicas sobre o futuro máis inmediato: veremos tarifas máis atractivas, con máis datos e menos prezo? cando haberá 4G? estrearán nova rede móbil?

Mais, neste artigo, gustaríanos preguntarnos se serán capaces de seguir innovando con produtos de móbil diferenciados. Pensamos no exemplo de Fi, o operador móbil de Google, que fai uso de redes móbiles e WiFi para dar servizo (e podería ser un bo xeito de sacarlle máis partido ao wificlientesR), ou en Tuenti e a virtualización total do número de móbil, que permite facer e recibir chamadas a través do navegador web ou desde calquera trebello conectado a Internet, aforrando calquera tipo de roaming.

O futuro de móbilR pode ser, se queren, moi interesante. Agardamos que así sexa.

Sobre o autor

Reply