Se por algo se caracterizan as redes sociais é polo seu principio igualador, é dicir, por poder darlle a todo o mundo as mesmas oportunidades de expresarse libremente, indicar as súas ideas sen cancelas. Neste senso, nos seus anos de vida Twitter fixo moito por esa liberdade de expresión, que acabou derivando moitas veces en importantes movementos sociais e de presión.
Nos últimos tempos, co auxe dos emojis, Twitter lanzou hashtags con emojis, de tal xeito que ao poñer un determinado hashtag apareza ao lado o emoji correspondente. Un bo exemplo foi o mundial de futbol, no que as usuarias puideron empregar os hashtags con emoji das bandeiras dos países que participaban. Noutros casos, os hashtag con emoji chegan por un acordo promocional, é dicir, por unha marca que paga a Twitter por ter o seu emoji, como o caso de Cocacola con #coke.
Co gallo das eleccións en diferentes estados, Twitter tamén crea emojis dos partidos que se presentan, e neste senso Twitter España vén de habilitar, de cara as xerais do 20 de decembro, os correspondentes a unicamente 6 candidaturas: PP, PSOE, Ciudadanos, Podemos, UPYD e IU.
Sorprende que nesta ocasión Twitter, que como diciamos debera ser unha rede que dese as mesmas oportunidades a todas as persoas, decida non otorgar emojis ao resto de candidaturas e coalicións que se presentan ás eleccións xerais, sobre todo se temos en conta que nalgúns territorios “periféricos” as opcións alternativas ás 6 que citamos anteriormente son as maioritarias, e que no Reino Unido as opcións nacionalistas como o SNP ou o Plaid Cymru si dispuñan dos seus emojis.