Analizamos o bq Aquaris A4.5 (Android One)

Cando Google anunciou o programa de terminais Android One falou de dispositivos económicos e actualizados directamente por Google, nunha especie de programa Nexus económico orientado a países emerxentes. Por iso sorprendeu cando hai unha semanas bq e Google anunciaron a posta á venda dun terminal Android One con características máis ambiciosas e, polo tanto, tamén un prezo superior. Falamos do bq Aquaris A4.5, que hoxe traemos para analizar.

Deseño, acabado e conexións

A pegada de Google atopámola xa na caixa na que chega o trebello, na que as cores e logos de Android fican ben presentes. Co teléfono xa na man atopámonos con que se nos fai coñecido, pois na práctica é case un calco co Aquaris M4.5. A “gran” diferenza é que no gran marco inferior o M4.5 tiña a botoneira clásica de Android, mentres que o A4.5 mantén ese mesmo marco, pero integra os botóns na pantalla, o que fai que dito marco careza de tanto sentido.

En canto a deseño, estamos ante un trebello sobrio, mais ergonómico para ao día a día. O material principal é o plástico, con acabado unibody e un tacto moi agradábel.

bq aquaris a4.5 - 3

Na parte frontal do trebello temos un altofalante, xunto ao cal podemos atopar o notificador LED e a cámara frontal co seu flash, mentres que na traseira integra a cámara principal con flash. No lateral esquerdo están as bandexas para dúas tarxetas microSIM e no dereito o da tarxeta microSD para a expansión da memoria, xunto á botoneira de volume e de acendido. Na parte superior temos o jack de audio 3.5 e na inferior os altofalantes principais e o conector microUSB.

Hardware e rendemento

No seu interior, o terminal de bq integra un procesador MediaTek, o MT6735M, fabricado con tecnoloxía de 64 bits e 4 núcleos Cortex A53 a 1 GHZ, xunto con 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, que poden ser ampliados mediante o uso de tarxetas microSD. Para o uso de aplicacacións básicas, traballar con Android limpo fai posíbel que o terminal vaia fluidísimo e a experiencia de usuario sexa positiva.

Porén, se animados polo ben que se move o terminal no día a día tentamos pedirlle máis, por exemplo instalándolle algún xogo con altas demandas de hardware, veremos como o dispositivo comeza a ter un pouco de lag, algo normal nun produto con estas especificacións.

Sistema operativo

Unha das mellores características deste terminal é o seu sistema operativo. Ao ser un trebello Android One vén con Android puro, sen personalizacións de fabricantes, ademais de que as actualizacións veñen de man de Google, garantindo que chegan en tempo e forma. Neste senso, malia ter saído con Android 5.1.1, antes de que remate o ano chegaralle Android 6.0 Marshmallow.

bq aquaris a4.5 - 2

A man de bq só se percibe na presenza de bq plus, un acceso directo a un servizo que nos permite contratar un seguro co fabricante que por 19,90 €/ano cubre os danos que se poidan producir no dispositivo, como rotura de pantalla, roubo ou danos causados pola humidade.

Pantalla

A pantalla é un panel LCD IPS de 4,5 polgadas, cunha resolución de 960 x 540 píxeles, o que dá unha densidade de 244 píxeles por polgada. É unha da características que máis destaca deste terminal, en grande medida grazas a unha xestión do brillo sobresaínte, que deriva en cores vivas e unha visualización perfecta, tanto en interiores como en exteriores.

Gran parte deste éxito atopámolo na propia construcción do panel, onde apostaron pola solución One Glass Solution que reduce as capas do cristal, así como no uso das tecnoloxía Quantum Color+, capaz de cubrir unha gama de cores próxima ao 99% do NTSC. Tamén incorpora un sistema de protección contra pequenos croques e rabuñadas, DragonTrail.

Cámara

O A4.5, a diferenza doutros dispositivos Android One, ten dobre cámara. A principal, de 8 mepagpíxeles, ten unha apertura focal de f/2.0. Consegue, en xeral, imaxes con boa calidade e nitidez, sobre todo en condicións de boa luminosidade. Iso si, ao sacar fotos de noite co flash os resultados son menos satisfactorios. Pola súa banda, a cámara frontal é de 5 megapíxeles e ten un ángulo de visión de 85 grados, o que permite sacar selfies de maior amplitude.

Cómpre destacar que tanto a cámara principal como a frontal dispoñen de flash; esta última é unha característica que aínda non teñen moitos teléfonos, polo que é unha característica a ter en conta. Podedes ver unha pequena mostra de imaxes tomadas con este terminal nesta ligazón.

Batería

A batería é de 2470 mAh, e con ela conseguimos uns resultados máis que satisfactorios, cunha atonomía de día e medio ou dous, no caso de termos un día máis tranquilo. Non dispón de carga sen fíos nin tampouco de carga rápida, aínda que non é algo que se bote en falta, xa que non ten unha capacidade excesiva como para que lle leve moito tempo cargarse.

Conclusións

O dispositivo é unha das mellores opcións na gama media, aínda mellor se o que buscamos é unha pantalla tirando a pequena. É de destacar a presenza da dobre bandexa para tarxetas SIM que nos permite empregar dúas liñas no mesmo dispositivo, mais tamén a compatibilidade coas redes 4G, grazas á cal podemos navegar a máxima velocidade. Outro aspecto positivo ten a ver co son, xa que inclúe o ecualizador Dolby Audio que mellora a experiencia de audio, sobre todo ao empregar os auriculares.

En definitiva, o bq Aquaris A4.5 é un dispositivo moi compensado en canto á combinación software – hardware, e a garantía Google que supón Android One dálle un selo de calidade superior. Está dispoñíbel en branco ou negro por 169,90 €, tanto online como en tendas físicas.

Sobre o autor

No Responses

Reply