Samsung anuncia os Galaxy A8 e Galaxy A9

Até non hai moito Samsung tiña uns trebellos de gama alta de grandes prestacións e unha gama media – baixa que deixaba bastante que desexar. Por sorte para as usuarias, este ano puxéronse as pilas con dispositivos desta gama, pero con acabados premium e bo rendemento, os Galaxy A.

A compañía surcoreana vén de anunciar dous novos modelos desta familia, o Galaxy A8 e o Galaxy A9, ambos os dous de deseño semellante aos anteriores “A” e acabados en aluminio.

O Galaxy A8 incorpora unha pantalla SuperAMOLED e resolución 1080p. No seu interior leva o procesador Exynos 7420 (o mesmo ca o Galaxy S6), 3 GB de memoria RAM, 32 GB de memoria interna ampliábel por microSD e cámaras de 16 e 5 megapíxeles.

samsung galaxy a8 - 1

Ademais, dispón de 3050 mAh de batería, LTE Cat6 e lector de pegadas dixitais. En canto a sistema operativo, sae ao mercado con Android 5.1, pero será actualizado a Marshmallow proximamente.

Por outra banda, o Galaxy A9 sube até as 6 polgadas, tamén cun panel SuperAMOLED FullHD. Neste caso, o procesador é un Qualcomm Snapdragon 620, aínda que ten tamén 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.

No apartado fotográfico, a cámara principal ten 13 megapíxeles, mentres que a frontal fica nos 8. A batería é de 4000 mAh, ten lector de pegadas dixitais e, ao igual ca o outro, sae con Android 5.1 Lollipop actualizábel proximamente a Marshmallow.

Ambos os dous foron dados a coñecer en Xapón, aínda que é moi probábel que proximamente cheguen a Europa, iso si, a un prezo estimado por riba dos 400 € no caso do A8 e dos 500 € no caso do A9.

Que vos parecen?

Sobre o autor

Reply