Analizamos a tablet Woxter Nimbus 1100 RX

Woxter ten un amplo catálogo de tablets para adaptarse a diferentes necesidades das usuarias, tanto en termos económicos como de hardware. Porén, a Woxter Nimbus 1100 RX vai un paso máis aló do que consideramos gama media, pretendendo resolver as necesidades do público que procura dispositivos premium, pero que tampouco quere deixar o soldo dun mes nun trebello.

Deseño, acabado e conexións

O primeiro que chama a atención do trebello son os seus acabados, xa que na parte traseira conta unha carcasa metálica dourada, algo pouco habitual nestas gamas. Os laterais, iso si, son plásticos, e dispón de xenerosos marcos en todas as aristas, que teño como obxectivo poder soster o trebello en calquera posición sen medo a que os nosos dedos tapen parte da pantalla. Malia todo, isto fai que sexa un dispositivo grande (259 x 173 x 9,2 mm) e un pouco pesado (620 gramos).

woxter nimbus 1100 rx - 5

En canto a deseño, o punto máis negativo atopámolo na situación dos altofalantes. Están colocados en ambos laterais, na parte inferior, xusto por onde se sostén a tablet de xeito natural, o que causa problemas ao ser tapados.

Pasando a falar das conexións, están situadas todas no mesmo lateral (o esquerdo), en esta orde: jack 3.5 de audio, conector de corrente (cárgase cun conector DC), USB OTG, miniHDMI, microUSB e lector de tarxetas TF. Na parte superior esquerda temos tamén o botón de acendido e os controis de volume.

woxter nimbus 1100 rx - 6

Hardware e rendemento

No interior do dispositivo atopámonos cun procesdor Cortex A7, de oito núcleos a 2 GHz. Está acompañado de 2 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis por tarxetas de até 128 GB. Non dispón de conectividade WiFi en si, mais pódeselle conectar un router WiFi a través de USB.

A tablet móvese moi ben con este hardware, e resolve sen problemas as exixencias de multitarefa. Os acabados metálicos traseiros axudan a que non sexamos quen de percibir quecementos cando forzamos a levar a cabo múltiples accións simultáneas ou cando empregamos o dispositivo durante horas, polo que a experiencia foi tremendamente positiva neste sentido.

Sistema operativo

A versión do sistema operativo é un dos puntos máis polémicos. A tablet vén con Android 4.4.4 (KitKat), e aínda que ten prometida a actualización a novas versións (cando menos Android 5.0 Lollipop), polo de agora non se sabe cando a vai recibir.

A parte positiva é que non existe personalización software por parte do fabricante, máis aló de que efectivamente inclúe unha aplicación da propia Woxter e un acordo con “Kiosko y más”, co cal poderemos acceder promocionalmente a diversos xornais e revistas a través da app. Isto axuda a que o trebello teña un moi bo rendemento e todo vaia bastante fluído.

Pantalla

A pantalla é un panel de 10,1 polgadas, con resolución 1920 x 1200 píxeles e formato 16:9. Sen destacar especialmente por nada en concreto sobre outras da competencia, incluíndo algo que aporte diferenza, hai que dicir os 224 píxeles por pulgada resultan abondos para os usos que se lle poden dar a esta tablet, permitindo disfrutar dunha calidade de visión bastante boa. As cores son bastante vivas e o brillo é abondo para permitirnos disfrutar dela en concortas luminosas, como pode ser en exteriores.

Cámara

A cámara principal é de 5 megapíxeles e a frontal de 2 megapíxeles. A presenza de ambas as dúas é anecdótica, pois como adoitamos dicir ao falarmos das  tablets, as cámaras non son algo que consideremos prioritario. Compórtanse aceptabelmente ben en concornas con boa iluminación, pero pecan cando a luz diminúe.

Batería

A batería sitúase nos 7000 mAh, unha capacidade abonda para traballar activametne con ela durante 2 días sen ter que cargala. Destaca ademais o pouquísimo que consume estando en repouso, momentos nos que apenas hai diferenza entre tela en modo avión ou sen el.

Como dixemos anteriormente, emprega un cargador específico, non o típico conector microUSB. Isto obríganos a ter que andar cun cargador diferente especificamente para a tablet, pero ao tempo carga a batería con máis velocidade, algo que se agredece ao ter semellante capacidade.

Conclusións

Estamos ante unha tablet completísima en varios aspectos: acabados premium, prestacións e conectividade. isto último cómpre polo en valor, pois é pouco habitual que un trebello dispoña de tantas opcións e tan ben implementadas.

Por pouco máis de 200 euros podemos ter un dispositivo que cumpre sobradamente coas súas funcións e ten, ademais, acabados de calidade, aínda que se o peso é un problema para nós este non sería o dispositivo máis axeitado.

Podemos adquirir a Woxter Nimbus 1100 RX por 215 € en Amazon.

Sobre o autor

Reply