HTC, un dos fabricantes pioneiros en apostar por Android, non está nos seus mellores momentos. Os dispositivos anunciados nos últimos tempos non acabaron de conectar cun público que por unha banda ten máis opcións entre as que escoller e, por outra, non está disposta a gastar os cartos que antes gastaba nun teléfono.
Malia todo hai que recoñecer que HTC está a fabricar moi bos dispositivos, como o HTC One A9 que estes días pasou polas nosas mans. Non se trata dun buque insignia, senón nun derivado do seu terminal referencial que fai das actualizacións bandeira.
Deseño, acabado e conexións
Dá coraxe falar deste terminal como un gama media, pois aínda que polas súas especificacións técnicas o é, o seu deseño afástase moito desa definición. Estamos a falar dun terminal premium, un dispositivo unibody, delgadiño e cuns acabados redondeados que fan que asente moi ben na man.
No lateral esquerdo, pouco máis arriba da metade, atopámonos co botón de acendido do dispositivo. E sobre el, os controis de volume. Do outro lado temos as dúas bandexas extraíbeis, unha para a tarxeta microSD e outra para a nanoSIM; e xa na parte inferior o microUSB, o jack de audio 3.5 e o altofalante. No centro da parte traseira temos a cámara e o flash LED.
Na parte central dianteira temos o lector de pegadas dixitais, que tamén podemos empregar como botón de inicio ou para desbloquear a pantalla. A situación do mesmo é moi cómoda para o seu uso cotiá, e a lectura da pegada bastante rápida.
Hardware e rendemento
No interior do dispositivo atopámonos un procesador firmado por Qualcomm, o Snapdragon 617 (octa core, 4 a 1,5 GHz e outros 4 a 1,2 GHz). Está acompañado de 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, aínda que esta pode ampliarse mediante tarxetas microSD de até 2 TB. Existe unha versión superior, con 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna, pero non foi o que probamos.
Este hardware sitúanos na gama media, tanto numericamente como pola experiencia en si: malia moverse bastante ben (de feito bastante mellor que outros dispositivos de hardware semellante a mesmo nível de exixencia), o certo é que se bota en fanta maior potencia, sobre todo porque o terminal ten aspecto de ser mellor.
Sistema operativo
Un dos aspectos máis relevantes deste terminal é o sistema operativo, xa que conta con Android 6.0 desde o seu lanzamento, sendo o primeiro dispositivo non-Nexus en ter esta versión de Android. Semella que este é un aspecto que HTC ten previsto mimar neste modelo, pois anunciou que terá as actualizacións dispoñíbeis para el 15 días despois ca os Nexus. Veremos en que queda isto, pero se cumpren, é unha gran baza ao seu favor.
Vén tamén cunha lixeira capa de personalización, HTC Sense, pero que nada ten que ver coa capa Sense de hai algúns anos. Agora é moitísimo máis lixeira e menos invasiva (algo que tamén favorece que esa idea de actualizar axiña poida levarse a cabo), e moitas das aplicacións que antes viñan incluídas de serie agora están dispoñíbeis na Play Store. Isto permite que se poidan ir actualizando aos poucos sen ter que mandar unha OTA, por exemplo, para mellorar a cámara.
Pantalla
Para a pantalla HTC apostou polo seguro, escollendo un panel AMOLED de 5 polgadas con protección Corning Gorilla Glass. A resolución é de 1080p, cunha densidade de 440 ppp, que se traduce nun panel que se ve con total nitidez.
Destaca así mesmo a calidez das cores que amosa e os níveis de brillo que admite, o que nos permite unha experiencia óptima en exteriores, se ben é certo que novamente estamos diante dun terminal que non regula de todo ben o brillo de forma automática. No menú de notificacións dispomos dunha barra de axuste do mesmo, aínda que non do botón de selección manual / automático, algo só dispoñíbel desde o menú.
Implementa tamén o sistema de activación mediante dobre toque, algo que moitos dispositivos teñen integrado desde que o anunciara LG no seu LG G2.
Cámara
Pasamos a falar da cámara. A principal ten un sensor de 13 megapíxeles, con estabilizador de imaxe e apertura f/2.0. Pola súa banda, a dianteira é de 5 megapíxeles, con tecnoloxía ultrapíxel e f2.0. No caso da cámara principal, esta resolución témola con imaxes de 4:3, mentres que se preferimos o ratio 16:9 estaremos baixando a unha resolución máxima de 10 megapíxeles.
Tal e como ten acontecido con outros modelos de HTC que probamos anteriormente, a cámara é unha característica bastante conseguida, tanto por rapidez de enfoque e disparo como en resultados, aínda que se sitúa un paso por detrás da competencia da mesma gama, caso dalgúns Sony ou a serie Galaxy A de Samsung.
A aplicación de cámara non destaca por ter moitos modos diferentes, máis aló dun de cámara lenta e outro avanzado que nos permite axustar manualmente algúns parámetros ou tomar imaxes tipo raw. No caso da cámara frontal destaca o modo panorámico para sacar fotos máis amplas do habitual.
Podedes ver unha selección de imaxes tomadas con este dispositivo no noso perfil de Flickr.
Batería
A batería, non extraíbel, é de 2150 mAh. A decisión de ter metido tan pouca capacidade, lonxe dos 3000 mAh habituais dos terminais de 5 polgadas, xustifícase polo deseño delgado e pola boa xestión da enerxía que ofrece Android 6.0 Marshmallow.
Porén, na práctica, estamos ante un dispositivo que é quen de acabar o día sen problema facendo un uso moderado, mais se somos usuarias moi activas teremos que darlle unha pequena dose extra de carga antes de acabar o día para poder andar folgados.
Por fortuna, é compatíbel cos sistemas de carga rápida, polo que en poucos minutos podemos aumentar considerabelmente a porcentaxe de carga do terminal.
Conclusións
O HTC One A9 é un trebello de gama media – alta e acabados premium, pensado para as usuarias que buscan non só un teléfono que funione ben, senón tamén un dispositivo que fermoso e de calidade. Con toda certeza, éo. Xa non só polo bo rendemento do que xa falamos, senón tamén pola presenza de elementos como o lector de pegadas dixitais ou un sistema de son de alta calidade
Se estades interesadas neste trebello, está dispoñíbel en diversas tendas en liña por uns 510 euros.