Lenovo vén de anunciar no CES de Las Vegas un novo portátil con ChromeOS. Trátase do Lenovo ThinkPad 13, un trebello que vén a engoradar a listaxe de dispositivos que apostan por este sistema operativo de Google vencellado á nube que está a gozar dun crecente éxito nos Estados Unidos, aínda que por este lado do Atlántico non se está a facer unha aposta tan importante.
Os detalles das súas especificacións técnicas non foron dados a coñecer, pero o modelo ten unha versión xemelga con Windows 10, coa que comparte (cando menos) as 13 polgadas de pantalla. No caso dese modelo en concreto sabemos que permitirá elixir diversas opcións de RAM (até 16 GB), ten 512 GB de almacenaxe interno, conexións HDMI, USB 3.0 e USB-Type C, aínda que isto último non en todas as versións.
Os dispositivos con ChromeOS poden ser unha boa alternativa para aquelas persoas que desenvolven o seu traballo na rede e que se poden amañar con ferramentas web ás que poden acceder desde un navegador como Chrome.
En canto a prezos e dispoñibilidade, a compañía chinesa anunciou que o modelo con ChromeOS chegará ao mercado no mes de xuño desde 399 dólares, mentres que no caso da versión con Windows 10 poderemos facernos con el a partir de abril, comezando nos 499 dólares.