SmartThinQ, o novo de LG para a Internet das cousas no fogar

Levamos xa varios anos falando da Internet das cousas, aínda que nos últimos meses parece que se está a materializar o tema con propostas concretas para o noso fogar, ademais de comezar a vivir unha “democratización”, economicamente falando. Xa no 2015 vimos diversas solucións de conexión para o noso fogar, pero este 2016 semella ser máis interesante.

Entre as novidades que veremos durante o CES de Las Vegas está o SmartThinQ de LG. Trátase dun dispositivo que funciona a modo de hub doméstico, permitíndonos a intercomunicación de todos os trebellos que temos pola casa grazas aos diferentes protocolos de comunicación existentes e futuros; falamos de Bluetooth, Wave e ZigBe, entre outros.

lg smartthinq - 2

Cun deseño cilíndrico, que nos lembra ao router futurista OnHub de Google, e dispoñíbel en dúas cores (negro e ouro), o SmartThingQ incorpora unha batería de altofalantes aos que poderemos enviar música desde os nosos trebellos.

Mais quizais o máis relevante é que servirá de centro de notificacións de “todo” e canto dispositivo sexa capaz de comunicarse con el, polo que nos informaría de que a lavadora rematou e podemos ir tender a roupa (aínda non hai becho que o faga por nós) ou da temperatura que temos no frigorífico.

Que opinades vós deste tipo de cousas? Considerades que convivirán nas nosas casas proximamente?

Sobre o autor

Reply