Varia Vision, as ‘Google Glass’ de Garmin para ciclistas?

Non hai moitos días falamos das novas Google Glass que o xigante da tecnoloxía está a preparar e que en breve serán oficiais. Mais hoxe toca falar dun modelo de lentes intelixentes que se ben xa coñeciamos por imaxes conceptuais, agora veñen de se facer oficiais. Falamos dos Varia Vision, uns lentes intelixentes de Garmin especialmente deseñados para ciclistas.

Garmin anunciou este trebello no CES de Las Vegas, onde tamén explicou para que poderemos empregalo. Os Varia Visio adáptanse aos lentes e teñen unha pequena pantalla na que amosan información relevante durante as nosas saídas a pedalear, tanto deportiva e de ruta (distancia percorrida, velocidade, altitude….) como axuda á navegación ou notificacións sobre chamadas entrantes, para que non teñamos que sacar o móbil do peto.

Manéxanse de xeito semellante ás Google Glass, desprazando o dedo a través da patilla, aínda que marcan a diferenza en ser máis resistentes (tamén á auga) e ter unha batería de maior duración, ademais do seu prezo, pois poderán adquirirse por 399 €.

A comparación é necesaria: son unhas Google Glass para o deporte?

Son as Varia Visio unha copia das Google Glass? A inspiración parece máis que obvia, polo que poderíamos concluír que poden ser o equivalente a unhas “Glass para o deporte”. Nalgunha das ocasións que tivemos os lentes de Google con nós empregámolos para facer deporte, entre eles ciclismo, resultando unha experiencia enriquecida.

google glass ciclismo

Comprobáramos que as posibilidades de vestir uns lentes intelixentes ao tempo que pedaleábamos eran moitas, pois aínda que existen diversas ferramentas de control de actividade, como poden ser os reloxos intelixentes ou os velocímetros de toda a vida, ter esa información á vista resulta moito máis cómoda.

Certamente un dispositivo de propósito xeral como as Google Glass pode ter moitos máis usos e futuro, e nese aspecto leva as de gañar, xa que por hardware tamén admite máis posibilidades mentres facemos deporte (por exemplo, coa cámara). Mais a favor das Varia Vision está a inmediata compatibilidade con outros accesorios que melloran a práctica deportiva, como ANT+ ou o Radar Varia, que advirte dos vehículos que se nos aproximan por detrás.

Terán éxito? Imaxinamos que entre as ciclistas máis avanzados e as frikiñss si. Nós pola nos parte estamos desexando poder probalos para ver como se comporta na vida real e contárvolo aquí 🙂

Sobre o autor

Reply