Até o de agora falar da liña Galaxy de Samsung era falar de Android. E dicirmos até o de agora, pois a compañía surcoreana vén de anunciar desde no CES a Samsung Galaxy Tab Pro S, un 2 en 1 que conta con Windows 10 como sistema operativo, nun acordo con Microsoft que tamén afecta ás aplicacións.
Cun grosor de 6,3 mm e un peso de 693 gramos, a Galaxy Tab Pro S estará dispoñíbel tanto como Windows 10 Home como con Windows 10 Pro, pensando tanto nos clientes particulares como nas usuarias de produtos profesionais en empresa.
Incorpora unha pantalla Super AMOLED de 12 polgadas con resolución 2160 x 1440, procesador Intel Core M de dobre núcleo a 2,2 GHz, 4 GB de RAM e 128 GB de memoria interna, dobre cámara de 5 megapíxeles, conectividade LTE Cat 6 e batería de 5200 mAh.
O trebello compleméntase cunha funda – teclado (que xa se incluirá de serie na caixa), un accesorio básico para sacarlle todo o partido a un dispositivo destas caracteríticas que conta cun touchpad semellante ao dos PCs, que axuda a ter un control máis sinxelo, mesmo cando se usa en stand mode. Por outra bande, e vendido por separado, tamén se pode adquirir un adaptador multi-porto (HDMI, USB tipo A e tipo C) e o lápis Bluetooth.
Estará dispoñíbel a nível global a partir de febreiro, aínda que polo de agora non trascendeu o seu prezo.