Así son os Galaxy A3 e A5 (2016): a gama premium e Samsung

Samsung é unha das marcas que máis terminais diferentes fabrica, adaptándose a diferentes acabados e necesidades das usuarias. O ano pasado supuxo un punto de inflexión para a compañía, non só por poñerse á vangadar cos seus buques insignia (Galaxy S6 Edge, Galaxy S6 Edge+), senón tamén nas gamas medias, aportándolles o aquel premium que precisaban.

Dous deses dispositivos da nova era de Samsung, os Galaxy A3 e Galaxy A5, veñen de recibir a súa actualización ás versións 2016. Os novos trebellos repiten a mesma filosofía de acabado premium en metal e especificacións de gama media.

samsung galaxy a3 2016 - 1

O Galaxy A3 (2016) é o pequeno dos dous. Integra un panel SuperAMOLED de 4,7 polgadas con resolución HD 720p (312 ppp) e no seu interior alberga un procesador de catro núcleos a 1,5 GHz, 1,5 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, por suposto ampliábeis mediante microSD de até 128 GB.

Conta con conectividade LTE Cat4, Bluetooth 4.1, ANT+ e NFC. A cámara principal é de 13 megapíxeles, con flash LED e unha apertura focal de f/1.9, mentres que a frontal é de 5 megapíxeles, tamén de f/1.9. Pola súa banda, a batería fica nos 2300 mAh.

O Galaxy A5 (2016) aposta por un panel tipo SuperAMOLED de 5,2 polgadas FullHD 1080p (424 ppp), e no interior temos un procesador de 8 núcleos a 1,6 GHz, 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, tamén ampliábeis a través de microSD de até 128 GB.

samsung galaxy a5 2016 - 1

Leva as mesmas cámaras ca o A3, aínda que con estabilizador óptico no caso do sensor traseiro. As opcións de conectividade repítense tamén, pero con LTE Cat6 e engadindo o lector de pegadas dixitais. A batería neste caso é de 2900 mAh.

Ambos os dous veñen con Android 5.1 Lollipop, con TouchWiz por riba, e estarán á venda esta mesma semana. O Galaxy A3 (2016) custará 299 € e o Galaxy A5 (2016) 429 €.

Sobre o autor

Reply