Digiboo: máquinas expendedoras de pelis para aeroportos

De seguro que en máis dunha ocasión vos tedes visto na teima de chegar a coller un medio de transporte (bus, tren, avión…) e descubrir que se vos esqueceu descargar capítulos de series ou algunha peli para amenizar a viaxe. Iso é o que pretende solucionar Digoboo, un sistema de máquinas expendedoras de contidos dixitais que xa está funcionando en varios aeroportos dos Estados Unidos e Canadá.

O funcionamento destas máquinas é moi sinxelo. As usuarias só teñen que escoller os títulos que se desexen mercar ou alugar a través dunha pantalla da máquina expendedora de Digiboo e, feito isto, conectarse a través de WiFi á propia máquina para descargala no trebello que queiramos. Este proceso levaralle entre 1 e 3 minutos, e precisa que teñamos dispoñíbel algo máis de 1 GB de espazo.

Tamén se fai necesario ter unha aplicación do servizo, que é a que nos permite reproducir o contido e velo offline durante a viaxe. Isto ten un sentido, xa que Digiboo dános a posibilidade de mercar (ver cantas veces queiramos) ou alugar. Esta última opción resulta moito máis económica, pero impón 30 días de caducidade dos contidos, aínda que desde que comecemos a reprodución teremos unicamente 48h para acabar de velos.

Os prezos sitúanse entre os 3,99 dólares para as últimas estreas ou 2,99 dólares para os títulos máis antigos, en modalidade de alugueiro. As compras sitúanse arredor dos 14,99 dólares.

Sobre o autor

Reply