Nos últimos 3 anos LG soubo manterse entre as marcas máis innovadoras da telefonía móbil, presentando terminais con características especiais, como a serie Flex coa súa pantalla curvada e flexíbel ou deseños arriscados que desterraron os botóns á parte traseira dos trebellos.
A compañía surcoreana vén de rexistrar na oficina de patentes dos Estados Unidos un novo concepto de dispositivo que chama a atención pola súa pantalla, que deixa a idea de panel flexíbel no pasado.
Esta pantalla envolvería todo o smartphone, cubrindo xa non só os laterais (como o Galaxy S6 Edge de Samsung), senón que tamén estaría presente na parte traseira.
Polo de agora isto non deixa de ser unha curiosidade, pero tamén nos serve para abrir os ollos de cara a imaxinar un futuro que nos pode deparar cousas ben curiosas. Imaxinades levar no peto un trebello destas características?