bq vén de anunciar a nova bq M10, unha nova tablet fabricada en colaboración con Canonical que emprega Ubuntu como sistema operativo.
No que ten a ver coas súas especificacións, a M10 integra unha pantalla de 10,1 polgadas con resolución 1280 x 800 píxeles. No interior leva un procesador MediaTek MT8163A de catro núcleos a 1,5 GHz, acompañado de 2 GB de memoria RAM, e 16 GB de memoria interna ampliábeis mediante microSD de até 64 GB.
Mais se cadra a característica máis interesante é a da converxencia. Enchufándolle un teclado, un rato e un monitor externo convírtese nun completo ordenador de escritorio con Ubuntu, cunha experiencia practicamente idéntica á que podemos ter nun portátil ou PC con esta distribución de Linux instalada.
Polo de agora non hai unha data para o seu lanzamento, que se agarda durante o primeiro semestre do ano. Que vos parece?