A finais de novembro anunciamos que a multiconta chegaba a Instagram. Porén, por algunha razón que descoñecemos, logo de que varias usuarias tiveran recibido a novidade, a actualización quedou paralizada até o de agora, cando chega mediante anuncio oficial.
Xa que logo, desde este momento todas as usuarias iremos recibindo a actualización da aplicación que nos permitirá xestionar máis dunha conta en dita rede social sen ter que depender de ferramentas de terceiras, como Instwogram, o clon que empregaba a maioría das persoas que tiña que xestionar máis dunha conta desde o móbil.
A nova funcionalidade limita a 5 o número de contas que se poden xestionar desde a mesma aplicación, e para engadir as novas debemos dirixirnos ás opcións de configuración. Feito isto xa poderemos comezar a empregar as diferentes contas, tendo un pequeno despregábel na parte superior no que podemos elixir cal usar en todo momento e unha pequena icona coa foto de perfil na parte inferior dereita, para saber con cal estamos a traballar en todo momento.
Aproveitamos a ocasión para lembrarvos que nos podedes seguir en Instagram, onde somos @mallandonoandroid.