Ás portas do MWC o fabricante chinés Huawei vén de anunciar o novo Huawei Y6 Pro, un dispositivo que complementa o Huawei Y6. O novo modelo é un trebello de gama media, prezo contido e unha batería de gran autonomía, característica que está a ser marca de identidade da casa.
O Y6 Pro integra unha pantalla HD de 5 polgadas con protección DragonTrail. No seu interior leva un procesador fabricado por MediaTek (o MT6735), acompañado de 2 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria intena ampliábeis por microSD e batería de 4000 mAh.
A cámara principal é de 13 megapíxeles, con flash LED, e a frontal de 5 Mpx. Admite dúas tarxetas SIM ao mesmo tempo, é compatíbel coas redes 4G e leva Android 5.1 coa capa de personalización EMUI 3.1
Polo de agora só se comercializa na China en tres cores (negro, dourado e branco), aínda que podería chegar a máis países proximamente.