En tan só 5 días LG estará presentando en Barcelona o novo LG G5, o smartphone máis esperado de toda a historia da compañía. Porén, segundo confirmou a propia empresa, non será o único trebello que veremos da marca, pois tamén estarán aló o LG X Cam e LG X Screen, dispositivos que inauguran unha nova gama chamada Specialist (X).
Ambos os dous son dispositivos de gama media, pero que destacan por algunha das súas características, a cámara no caso do X Cam, e a pantalla no caso do X Screen.
LG X Cam
Como diciamos, o LG X Cam destaca pola súa cámara, cun sistema de dual camera, é dicir, dúas cámaras para conseguir traballando xuntas un mellor resultado final. No caso da frontal temos un sensor de 8 megapíxeles, mentres que na parte traseira combina un de 13 con outro de 5 Mpx.
O resto de características son as dun teléfono sinxelo: integra unha pantalla de 5,2 polgadas (resolución Full HD), procesador de 8 núcelos (a 1,14 GHz), 2 GB de RAM, 16 GB de memoria interna e batería de 2520 mAh.
LG X Screen
Por outra banda, o X Screen marca a diferenza na integración dun sistema de dobre pantalla, como o que vimos no LG V10. A principal é de 4,93 polgadas (1280 x 720 píxeles), mentres que a secundaria queda nas 1,76 polgadas.
Neste caso temos un procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de memoria interna e batería de 2300 mAh.
Os rumores sobre o LG G5 apuntan a que o novo buque insignia do fabricante coreano contará con estas dúas características, o cal non sería de extranar vendo que estes dous dispositivos xa as teñen. En calquera caso, en 5 días despexaremos todas as dúbidas. Tedes ganas de coñecelo?