Cada vez son máis os fabricantes que se animan a fabricar wearables cuantificadores de actividade física, ben sexan pulseiras, ben reloxos. Hoxe toca falar do último dispositivo deste tipo que analizamos, o Geeksme GME1.
Geeksme é o resultado do cambio de rumbo que sufriu Geeksphone, a empresa española que fabricou un terminal de baixo prezo que deu bastante que falar durante un tempo. Agora adéntranse no campo dos wearables cun dispositivo que chamou a atención desde o momento do seu lanzamento por medir, entre outras cousas, a nosa actividade sexual. Vaiamos por partes.
Deseño, acabados e especificacións
O Geeksme GME1 conta cun deseño circular, aínda que a súa pantalla, un panel OLED de cristal templado e resolución 64 x 48, é rectangular. Arredor dela, formando un círculo, atopámonos con 12 LEDs que empregará para notificar os nosos progresos, mentres que na parte inferior da pantalla temos o único botón táctil do dispositivo.
En canto a sensores, vén con acelerómetro e vibrador de tres eixos. A batería é de 55 mAh e a conectividade co noso smartphone faise a través do Bluetooth. É resistente a salpicaduras, aínda que non sumerxíbel, o cal é unha pequena eiva, xa que non nos podemos duchar con el, a pesar de que está pensado para cuantificalo todo.
Na parte traseira unicamente atopamos os pins de carga. Polo demais, o seu deseño é bastante austero, máis aló de que podemos intercambiar de xeito fácil e sinxelo a súa correa, fabricada en plástico. Finalmente, chamounos especialmente a atención que é bastante lixeiro, algo que é de agradecer, xa que sobre todo á hora de ir durmir resulta especialmente cómodo.
Catro modos de uso a través dunha aplicación propia
Para empregar o dispositivo temos que baixarnos unha aplicación deseñada especificamente para o trebello. Con ela poderemos vincular o dispositivo ao noso smartphone a través do Bluetooth, e á vez ollar dun xeito máis gráfico os resultados das medicións.
O funcionamento do reloxo céntrase en catro modos:
g!fitness
A primeira delas é g!fitness. Trátase da funcionalidade máis básica, que nos permite facer seguemento da nosa actividade diaria, contando os pasos que damos e, a partir de aí, calculando a distancia percorrida, as calorías gastadas, a graxa queimada e, por suposto, o tempo de movemento.
Ligado a isto, o reloxo iranos avisando dos nosos logros mediante vibracións e o uso das luceciñas LED, de maneira que nos animará a que acabemos todos os días cumprindo uns obxectivos mínimos.
g!sleep
A segunda funcionalidade que ten é a contabilidade do sono. Con g!sleep teremos acceso ás estatísticas do noso sono, podendo ver cantas horas tivemos sono profundo, canto tempo estivemos espertos e o número de veces que espertamos durante a noite.
g!love
Chegamos á que sen dúbida é unha das funcionalidades máis destacábeis do dispositivo: a medición da actividade sexual. Co modo g!love o reloxo é capaz de medir o tempo, as calorías consumidas, a graxa queimada e a intensidade do propio acto. Finalmente, poderemos puntuar que tal estivo o encontro, de maneira que teñamos un histórico facilmente consultábel.
Ademais, en base ás medicións daranos unha puntuación en modo de insignia animal. Podemos ver leóns, cabalos, lemures, polbos, koalas… e ir coleccionando 😉
O único malo deste modo é que non comeza a medirse automaticamente, senón que temos que ser nós quen activemos e desactivemos a medición, o que quizais quita algo de romanticismo ao acto. Non ía ser perfecto 😉
g!ecological
O último dos modos tamén nos chamou bastante a atención: trátase dun medidor da chamada pegada ecolóxica, que cuantifica cantos planetas precisaríamos se cada habitante consumise o mesmo ca nós.
O cálculo inicial da nosa pegada ecolóxica faino a partir dunha enquisa. A partir de aí, irase aumentando ou reducindo dependendo da nosa actividade. Como calcula isto? Pois entende que mentres estamos tendo relacións sexuais, movéndonos a pé ou durmindo non contaminamos, así que nese caso baixará. E viceversa.
Conclusións
Logo dunhas semanas probando o dispositivo, as nosas opinións son bastante positivas. O trebello cumpre co seu cometido e ten unha batería que lle garante moitos días de autonomía, algo que nos permite prescindir do cargador uns días. Como idea de mellora, a principal é que sexa somerxíbel, pois resulta un tanto incordio ter que sacar o reloxo para se duchar.
O Geeksme pódese mercar por uns 95 €.
Eu comprei fai tempo un Geeksphone Revolution, e foi un timo. O teléfono nunca chegou a funcionar e Geeksphone tirou a toalla deixando a un montón de usuarias cun teléfono inservible, podedes mirar o seu propio foro o respecto. Non recomendo que compredes nada desta compañía, non son serios 🙁