Vodafone presenta dúas novas tecnoloxías: CrowdCell e 4GFi

Vodafone vén de presentarnos novas tecnoloxías para mellorar a cobertura 4G, que ademais revolucionan o xeito no que se despregan as novas redes. Falamos de CrowdCell e 4GFi, as novidades máis importantes que a operadora trae este ano ao Mobile World Congress.

Grazas a 4GFi poderase aumentar de xeito significativo tanto a calidade do servizo como as velocidades medias de acceso, sen a necesidade de ter que instalar un nodo para aumentar a rede grazas ao uso dos propios dispositivos das usuarias.

Para entender o seu funcionamento, poñamos un exemplo. De seguro que algunha vez vos pasou de metervos nunha cafetaría e, canto máis ao fondo, ter menos cobertura. Co 4GFi, aínda estando mal situados, poderíamos empregar o teléfono dunha persoa situada preto da fiestra como pasarela para o noso móbil; entre eles, ambos trebellos conectaríanse mediante WiFi, de tal xeito que a calidade recibida sería moito mellor.

vodafone 4gfi - 1

Por suposto, o cliente que ten o móbil que fai de pasarela non consume datos da súa tarifa cando é empregado como tal, e prevese a aplicación de beneficios que animen ás clientes de Vodafone a empregar o servizo (será preciso usar unha aplicación), previsto par ao terceiro trimestre do ano.

Por outra banda, CrowdCell é un coche equipado que permite mellorar a cobertura móbil das ocupantes, mentres que estando aparcado serve de “minicela” que é controlada pola intelixencia da rede de Vodafone, co que se consegue tamén complementar o servizo 4G, e así as usuarias verán mellorada a cobertura.

Que vos parecen estas novidades?

Sobre o autor

Reply