A gran aposta de Wolder neste MWC foi RemixOS, o sistema operativo baseado en Android do que xa vos falamos hai uns días. Porén, esta non foi a única novidade da compañía para a feira, onde tamén amosou un par de dispositivos moi interesantes.
O primeiro deles é o Wiam #65, un dispositivo con pantalla IPS FullHD de 5,5 polgadas. No seu interior leva un proceador MediaTek Helio P10, de oito núcleos e 64 bits, 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.
A cámara principal é de 21 megapíxeles, con dobre flash, mentres que a frontal fica nos 13 megapíxeles. Dispón de 3000 mAh de batería, NFC, dual SIM e Bluetooth 4.0. Como sistema operativo leva Android 5.1.
Por outra banda está o Wolder Millennial. Terédesnos lido que en Mallando no Android xa non acreditamos no concepto phablet, pois a fronteira entre smartphone grande e phablet hai meses que foi eliminada. Porén, o Millennial é especial, pois ten forma de tablet pequena e non tanto de teléfono grande, malia selo.
Integra un panel IPS HD de 6 polgadas, procesador de catro núcelos Intel, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna (ampliábeis mediante microSD), cámaras de 13 e 5 megapíxeles, a principal con flash, e batería de 2500 mAh. En canto a sistema operativo, tamén vén con Android 5.1.
Que vos parecen estas aposta de Wolder?