Durante este Mobile World Congress puidemos coñecer as novidades de CAT, un dos principais fabricantes especializados en móbiles resistentes. Na feira que tivo lugar en Barcelona anunciaron o CAT S60, o dispositivo que supón o maior salto de calidade da marca en toda a súa historia, tanto polo seu deseño como por especificacións.
Segundo nos comentou un dos seus portavoces, até o de agora os teléfonos da compañía tiñan prestacións de gama media – baixa, xa que entendían que se trata de teléfonos pensados como segundo terminal. Porén, as usuarias pedían mellores prestacións, para poder usar como móbil principal, e desa escoita activa xurdiu o novo S60.
O trebello integra unha pantalla HD de 4,7 polgadas (720p), con alto brillo para poder traballar con el sen problemas en condicións de moita luz, onde terá o seu hábitat natural. Ademais, pode usarse coas mans molladas e con luvas.
Internamente, integra un procesador Qualcomm Snapdragon 617, de oito núcleos a 1,5 GHZ e LTE Cat 7, acompañado de 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna. A batería é de 3800 mAh es cámaras de 13 e 5 megapíxeles.
Cabe destacar a presenza dunha cámara térmica que nos permite medir en tempo real e capturar en foto ou vídeo as temperaturas do entorno, así como ver a través do fume, polo que pode ser unha boa opción para as equipas de emerxencia.
O S60 cumpre ademais os requisitos mais exixentes de resistencia, sendo quen de aguantar somerxido até 5 metros e seguir a funcionar sen problemas, ou aguantar caídas sobre hormigón de preto de 2 metros sen que se danen as súas compoñentes.
Está previsto que se poña á venda por 649 €.