Ninguén se atreve a igualar a oferta de Yoigo coa súa tarifa La Sinfín 20 GB, que por 29 € ao mes ofrece chamadas ilimitadas e 20 GB de navegación a máxima velocidade. Porén, nos últimos tempos algúns operadores como Amena elevaron a cantidade de datos nas súas tarifas, ben fose temporalmente a modo de promoción ou para sempre.
A compañía low cost de Orange ten activa unha oferta durante todo o mes de marzo pola cal as novas clientas que contraten a tarifa de 24,95 € / mes (ou as que xa a teñan contratada) gozarán de 10 GB de datos ao mes até o 31 de maio, no canto dos 7 GB habituais. Pasado o período promocional o límite ficará nos 7 GB.
A tarifa de 24,95 € / mes de Amena tamén inclúe chamadas e sms ilimitados, ademais de 60 minutos para chamar a números internacionais a través da aplicación Libon. A velocidade de navegación é 4G, e superado o límite de datos redúcese a velocidade a 32 kbps, aínda que se poden contratar bonos adicionais de 500 MB a máxima velocidade por 2,95 €.
Ademais da citada tarifa de 24,95 € /mes, Amena ten outros dous plans pensados para usuarias menos activas: o primeiro custa 6,95 € / mes e inclúe 1 GB de datos, chamadas a 0 cént/min (establecemento de 18 céntimos) e 60 minutos para chamar a calquera número a través de Libon, mentres que o segundo ten 2 GB de datos, chamadas e SMS ilimitados e 60 minutos en chamadas por Libon.