Aberta a pre-reserva do LG G5 no Reino Unido

Durante a presentación do LG G5 e os seus amigos (o conxunto de accesorios do que veu acompañado) durante o Mobile World Congress celebrado en Barcelona a finais de febreiro non se falou nin de datas de lanzamento nin de prezo, algo que nos deixou bastante sorprendidos, sobre todo tendo en conta que LG medíase de igual a igual con Samsung, o outro gran protagista da feira, que presentaba os novos Galaxy S7.

Hai uns días soubemos que o novo teléfono de LG poderíase pre-reservar en USA desde o 18 de marzo, mais agora chegan novas de máis preto, concretamente do Reino Unido, onde a compañía surcoreana vén de iniciar tamén o período de compra anticipada a través de Amazon, cun prezo de 529 libras, que veñen sendo uns 685 € ao cambio, lixeiramente por baixo do Galaxy S7 máis económico. En calquera caso, non se procederá a facer os envíos até o 8 de abril.

lg g5 - 3

O LG G5 é o primeiro teléfono modular de LG, o que non impide que teña un deseño unibody, xa que a batería extraese desmontando a parte inferior do terminal. Feito isto, podemos conectarlle diversos módulos, como un de cámara (máis batería, botóns de zoom incorporados…) ou un de son HiFi, que fará as delicias das máis entendidas en temas de audio.

Polo demais, o G5 incorpora unha pantalla de 5,3 polgadas con resolución Quad HD, o procesador estrela dos gama alta deste 2016, o Qualcomm Snapdragon 820, 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, que poden ser ampliados a través de tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade.

Outro aspecto diferencial do novo dispositivo de LG é a súa cámara. A principal vén con dobre lente de 16 megapíxeles, o que nos permite tomar imaxes en gran angular (135 graos), aínda que se preferimos usar o modo tradicional teremos unha resolución de 20 megapíxeles. Veñen con estabilizador óptico OIS e gravación en 4K; no caso da cámara frontal, o sensor é de 8 megapíxeles.

Imaxinamos que non tardaremos en ter novas da súa posta á venda no noso país, e pode que chegue acompañado dalgunha promoción que engada accesorios no prezo de venda para as primeiras compradoras. Que vos parece?

Sobre o autor

Reply