Alphabet, o entramado de empresas dos donos de Google no que está integrado o propio buscador, vén de pór á venda Boston Dynamics, a compañía de robótica creadora de trebellos tan espectaculares como os Atlas, de forma humanoide, ou unha vaca mecánica, entre outros.
A compra de Boston Dynamicss por parte de Google foi polémica desde o primeiro momento, pois foron moitas as voces que acusaron aos de Mountain View de colaborar co exército dos Estados Unidos, dado que a empresa robótica tiña fabricado (e ten en probas) modelos para os militares americanos.
Mais, desde o punto de vista tecnolóxico, a compra da compañía serviulle a Google para facerse con máis de 300 enxeñeiras especialistas en robótica, un campo no que levaban tempo facendo os seus avances. Porén, logo de todos estes meses non conseguiron xerar ingresos con ela, nin ven trazas de poder facelo en breve. Detrás desta cuestión estaría o principal motivo para a vender, segundo a información que publica Bloomberg,
Toyota e Amazon, candidatas a facerse con Boston Dynamics
Alphabet non tería moi difícil desfacerse de Boston Dynamics, e pénsase que empresas como o fabricante de coches Toyota ou Amazon, que ultimamente está moi centrada no desenvolvemento de drones, serían dúas das candidatas mellor posicionadas a facerse coa empresa de robótica.
Esta é a segunda compra – venda rápida de gran valor que fai Google nos últimos tempos, logo de ter mercado Motorola para logo vendela a Lenovo, aínda que nese caso durante o tempo que estivo nas súas mans saíu un produto ao mercado, o exitoso Moto G, que serviu para dar valor á compañía.
Estamos certos de que non habemos tardar moito en descubrir quen se fai con Boston Dynamics, que seguramente dará moito que falar nas próximas datas, en vista do que son capaces de facer arestora. Que vos parece?