Twitter cumpre 10 anos

just setting up my twttr“. Así de sinxela foi a primeira mensaxe que se publicou na rede de microblogging Twitter hai hoxe 10 anos. O seu autor, Jack Dorsey (ou @jack) foi un dos cofundadores deste popular servizo, e hoxe en día o seu (polémico) CEO.

Twitter ten mudado moito desde o seu lanzamento, hai hoxe 10 anos. Aproveitando esta ocasión especial quixemos seleccionar 10 pinceladas relevantes de todo este tempo.

1.- Twitter xa non é Twttr. Inicialmente Twitter chamábase Twttr, e a cor corporativa era a verde. Do logo e da tipografía escollidas inicialmente mellor non comentar nada… pero o que si, o enderezo inicial, twttr.com segue operativo. E se non probade con twttr.com/avosaconta 😉 Chegáronse a barallar outros nomes, ao noso ver moito máis horríbeis, entre eles SMSsy, Twich e Friendstalker.

twttr inicial

2.- TwitterPeek , o trebello que só valía para twittear. En 2009 aparece TwitterPeek, un dispositivo parecido a un smartphone, con Internet capado para servir unicamente para twittear. Non precisaba cotas mensuais nin de contratos con operadoras, e tiña un prezo de 100 dólares para a suscrición de 6 meses ou 200 para a versión indefinida.

twitterpeek

3.- Crecemento no número de usuarios activos: Twitter popularizouse en 2009, ano no que chegaron moitas persoas famosas á rede. Desde ese momento o número de usuarias activas foi medrando, cada vez a un ritmo menor, até acadar os 320 millóns actuais en todo o mundo. Malia todo, é unha cifra que está quedando por detrás doutros populares servizos na rede, como Instagram, que xa vai polos 400 millóns.

4.- Que está pasando? En 2009 Twitter mudou a pregunta coa que nos anima a publicar mensaxes na rede, do “Que estás a facer?” a “Que está pasando?”. Confirmábase con este movemento o enfoque que as usuarias fomos dándolle á rede de microblogging, converténdoa nun punto de información máis ca de que ocio.

5.- As aplicacións móbiles. Malia que uso de Twitter actualmente é maioritariamente móbil, ao comezo a compañía non lle prestaba moita atención a este segmente, deixando que foran terceiras partes as que desenvolvesen clientes para uso nos smartphones. En abril de 2010 chegou a aplicación para Android para usuarias con versións 2.1 ou superior (naquel momento poucas…), pouco despois de aparecer a de BlackBerry. Para iOS houbo que agardar uns días máis.

twitter android

6.- Os acurtadores de links. Os 140 caracteres supoñen unha limitación nas mensaxes, que ao comezo era un problema maior cando se querían compartir ligazóns URL longas. Isto favoreceu a existencia e servizos acurtadores, que permiten reducir a lonxitude das URLs. Porén, en 2010 Twitter incorporou o seu servizo propio, t.co, que hoxe aplica a todos as ligazóns por iguais. Deste modo, sen importar a lonxitude real dunha URL, todas ocupan 23 caracteres nas mensaxes.

7.-O arquivo de tweets: cando temos anos de experiencia nisto de Twitter e unha rea de mensaxes publicadas, percorrer o noso timeline resulta totalmente imposíbel. Por iso, atendendo ás demandas das usuarias, en decembro de 2012 Twitter anunciou a posibilidade de descargar todo o noso arquivo de tweets, incluíndo os retweets, e permitindo realizar buscas por meses.

8.-Os corazóns que sustituíron aos favoritos. Unha das opcións de interactuar cun tweet era a dos favoritos. Un favorito podía significar moita cousas, desde un “que ben!” a un “captei a indirecta”, pasando polo “que risas!” e o “ollo, controlo o que dis”, entre outros. Porén, en novembro de 2015 decidiron mudar as estreliñas dos favoritos por corazóns, con significados máis semellantes ao “gústame” de Facebook. Seguramente este foi o cambio que peor levaron as usuarias.

9.-Os gifs integrados. Unha das últimas grandes novidades chegou o mes pasado. Logo de que Twitter aceptase os gifs como formato de imaxe a amosar, hai apenas un mes habilitou un buscador integrado de GIFs que nos permite escoller rapidamente unha destas imaxes para transmitir máis.

10. Tweets de 10.000 caracteres. Isto aínda non está implementado, pero nos últimos tempos confirmouse que Twitter está a traballar para integrar até 10.000 caracteres nun tweet, isto é, 9860 caracteres máis ca actualmente. A priori isto semella rachar co modelo que lle deu éxito, mais fálase de que a integración podería ser semellante á un tweet con ligazón ou multimedia, cargando ao abrir o tweet en cuestión.

Bonus: ao cumprir 8 anos Twitter puxo en funcionamento unha ferramenta que nos permite buscar o primeiro tweet de calquera usuaria que teña o perfil aberto ou, no caso de xente cos tweets protexidos, daquelas usuarias que sigamos. Segue operativo e pode consultarse nesta ligazón.

Bonus 2: con motivo do décimo aniversario veñen de publicar este vídeo de agradecemento – repaso por algún dos tweet – momentos máis destacados.

Un futuro negro (no económico)

Twitter arrastra desde hai anos o problema da monetización. A pesares de dispór dun número elevado de usuarias activas na rede non é quen de sacarlle beneficio económico relevante, nin de implementar un sistema de publicidade que funcione.

Pola súa banda, as accións de Twitter acadaron o seu máximo histórico a finais de 2013, cando chegaron a pagarse a 69 dólares acción. Porén, pouco durou a alegría, pois en maio de 2014 estaban en 30,50 dólares e a día de hoxe arredor dos 17 dólares.

Twitter tamén acusa un claro problema de falta de liderado. Nin o anterior CEO, Dick Costolo, que foi apartado en xuño de 2015, nin Jack Dorsey, que tomou posesión do cargo en outubro dese mesmo ano, conseguiron até o de agora mellorar a situación. É máis, a finais de xaneiro de 2016 cinco dos directivos de maior peso anunciaron o abandono da compañía.

Que futuro terá Twitter? Agardemos que poidamos seguir celebrando novos aniversarios da que para nós é unha das mellores ferramentas de comunicación dispoñíbeis.

Sobre o autor

No Responses

Reply