Google traballa en YouTube Connect, o seu propio “Periscope”

Se sodes usuarias activas en Twitter de seguro que xa vos decatastes de que hai un crecente uso de Periscope, o servizo de streaming de vídeo desde o móbil. Google non quere ser allea a esta moda que, malia facelo lentamente, cada día está a interesar a máis usuarias, polo que segundo apuntan desde Venture Beat a compañía de Mountain View está a traballar en YouTube Connect, unha aplicación derivada do seu popular servizo de vídeo online que permitira retransmitir vídeo en tempo real desde os dispositivos móbiles.

Até o de agora Google ofrece un servizo de retransmisión de vídeo en tempo real con YouTube Live, aínda que este está restrinxido ao uso en computadores. Por iso, detrás de YouTube Connect estaría a idea de trasladar esta experiencia aos móbiles, uns aparellos que a cada día que pasa son máis empregados para retransmitir as historias que pasan ao noso arredor.

periscope

Segundo apuntan en VB será necesario ter unha conta de YouTube ou Google (que será a mesma se as temos sincronizadas) para poder retransmitir en vídeo, e ao rematar a transmisión quedarían dispoñíbeis os vídeos na versión estándar de YouTube, xunto co chat que se xere e as etiquetas que lle poidamos poñer, de tal xeito que poderán ser consultados nas canles correspondentes ou aparecer nos resultados de busca (sempre e que os deixemos públicos, obviamente).

Google non é a primeira gran empresa interesada por este tipo de ferramentas de vídeo: o outro gran xigante estadounidense, Facebook, leva meses probando Facebook Live nos USA, e todo apunta a que non han tardar moito en anunciar a dispoñibilidade global do mesmo.

 

Sobre o autor

Reply