Seguindo co calendario previsto, o vindeiro un de abril ponse á venda de forma oficial o LG G5, o novo buque insignia de LG para este 2016, que como xa fomos vendo durante as semanas pasadas destaca por introducir o concepto de modularidade, que nos permite potenciar o son, a cámara ou a duración da batería, por exemplo.
Porén, non é a única novidade que introduce este terminal, xa que tamén será o encargado de estrear a nova versión da capa de personalización que LG sitúa sobre Android 6.0 Marshmallow. Trátase da LG UX 5.0, unha versión que introduce unha serie de novidades que podemos ver no seguinte vídeo – resumo que a compañía preparou para amosalas.
Entre as principais novidades están o LG Friends Manager, unha aplicación que nos permite conectar e xestionar de forma sinxela toda a gama de accesorios (LG Friends) cos que foi presentado o G5. Tamén destacan as múltiples opcións para a cámara, con multiventá e multiángulo, así como a parte de xestión xeral das aplicacións, coa posibilidade de ter ou non o típico caixón de aplicacións (opción que vén desactivada de fábrica) ou as facilidades para eliminar e restaurar aplicacións.
Como vén sendo habitual, estas novidades tamén irán chegando a outros dispositivos de gamas inferiores de LG proximanente, aínda que primeiro terá que ter o LG G5 a exclusiva delas para marcar as diferenzas co resto de modelos do fabricante.
O LG G5 custa 699 €, e mercándoo antes do día 31 recibiremos dous módulos de regalo.