A miniaturización dos computadores é unha tendencia desde hai uns anos, en certa maneira potenciada pola consecuente reducción do tamaño das compoñentes, aínda que tamén moi ligada á mobilidade que exiximos as usuarias. Hoxe temos para analizar no blog o Archos PC Stick, un dispositivo que ocupa pouco máis ca un subliñador permanente e que serve para convertir a nosa televisión un completo ordenador con Windows 10.
Deseño, acabados e conexións
Se por algo chama a atención o Sick PC de Archos é polo seu deseño compacto, ideal para transportar no peto ou nun pequeno bolso. Ten unhas dimensións de 11,3 x 3,8 x 1,4 cm e un peso de apenas 60 gramos.
O conector HDMI que emprega para conectarse cunha pantalla de televisión dispón dunha pequena tapa protectora. Polo demais, nun dos laterais ten o botón de acendido, conector de corrente e porto USB estándar, mentres que do outro lado integra o lector de tarxetas microSD e un porto microUSB.
É un formato bastante innovador, que en certa meneira nos recorda ao Chromecast orixinal, mais con moitas máis funcións ca servir como un receptor de contidos.
Hardware e rendemento
O dispositivo integra un procesador Intel Atom Z3735F, de catro núcleos e cunha frecuencia de reloxo de 1,33 GHz, GPU Intel HD Graphic de sétima xeración, 2 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis ben mediante tarxetas microSD, ben a través de memorias USB.
No aspecto da conectividade vén con todo o que podemos pedirlle a un dispositivo para o fogar, como porto de infravermellos, WiFi, Bluetooth 4.0, microUSB, USB estándar e HDMI, que será a través do cal o conectaremos a unha pantalla de televisión.
Este hardware permítelle mover con soltura Windows 10, o sistema operativo que emprega, e traballar tanto a través de aplicacións de Windows como con pequenos programas ou xogos instalados (ofimática, emuladores, navegadores…).
Conclusións
O Archos PC Stick é un dispositivo que ao noso entender ten dous perfís de usuario potencial: dunha banda, as persoas que non precisan un trebello potente na súa casa ou fan un uso ocasional dun ordenador para realizar tarefas básicas, sen moitas exixencias nin complicacións; por outro lado, aquelas persoas que andan na procura dun produto orientado á mobilidade e poden dispór de televisores ou outras pantallas ás que conectarlle o stick.
Estas son para nós as súas principais vantaxes, que xunto co rendemento aceptábel para tarefas sinxelas fan del un dispositivo atractivo. Entre os seus inconvintes están o ventilador que integra, que fai un chis de ruído que pode ser molesto se estamos moi preto do trebello, e a escasa memoria interna que integra, xa que para un uso medianamente intensivo obriga a termos unha tarxeta extra.
Está á venda por uns 108 €, un prezo moi interesante para un dispositivo destas características.