Windows 10 permitirá xestionar notificacións de Android no escritorio

Moitas persoas pasamos unha boa parte do noso día traballando desde un ordenador, polo que as ferramentas que nos permiten xestionar cousas do noso smartphone desde o computador resultan de grande utilidade. Esta función de sincronización é moi habitual tanto nas aplicacións de mensaxería coma de redes sociais, permitíndonos manter conversas desde outras ubicacións empregando as ferramentas específicas.

Porén, para moitas pode resultar de máis utilidade empregar alternativas que permiten un maior nível de interacción coas notificacións do smartphone, incluíndo a posibilidade de respondelas desde o ordenador. Diversas aplicacións dispoñíbeis na Play Store xa nos permiten levar a cabo este tipo de actividades, mais agora é Microsoft quen traballa para facelo aínda máis sinxelo.

Hai uns días, durante unha presentación ante desenvolvedoras, as responsábeis de Microsoft deron algunhas pinceladas dunha gran actualización que chegará a Windows 10 proximamente, popularmente coñecida como a “Anniversary Update”. Entre outras características esta actualización podería integrar as notificacións de Android no escritorio de Windows 10, permitindo incluso responder ás mensaxes desde as mesmas.

Isto é posíbel grazas ao Action Center na nube e Cortana, o asistente de Microsoft que tamén está dispoñíbel como aplicación en Android. No seguinte vídeo pode verse esta utilidade en funcionamento con bastante detalle (é algo longo, a parte interesante comeza no minuto 16:30).

O máis interesante desta nova funcionalidade é que evita que teñamos que instalar aplicacións diversas para poder usalo, o que fará máis sinxelo o seu uso pensando nas usuarias menos avanzadas. Que vos parece?

Sobre o autor

Reply