Cando falamos de terminais móbiles axiña pensamos en tamaños de pantalla, megapíxeles de cámara e potencia dos procesadores. Porén, hoxe queremos falarvos dun dispositivo moi diferente que vén de anunciar Orange, o Card Phone, un dispositivo do tamaño dunha tarxeta de crédito que só pesa 35 gramos e está pensado para ser un terminal secundario.
O Card Phone é unha solución orientada a eses momentos nos que precisamos estar comunicadas pero podemos prescindir do acceso á Internet, como poderían ser as saídas para facer deporte, momentos de ocio ou os días de praia, onde o noso terminal principal podería sufrir danos.
O trebello, ademais de permitir realizar e recibir chamadas, dispón dunha axenda na que poderemos gardar até 300 contactos, dispón de 320 mAh de batería (que se traducen en 5 días de autonomía en stand-by ou 2,5 horas en chamada), radio, alarma e mans libres Bluetooth.
Orange comercialízao por 29 € en contrato ou 25 € en tarxeta, e fica claro que a idea é que as usuarias potenciais sexan as mesmas que empregan o novo servizo multiSIM da compañía. Ademais, as persoas que merquen un Samsung Galaxy A5 2016 durante este mes levarán gratuitamente unha unidade.