HTC 10: presentado o novo buque insignia de HTC

Xa é oficial. HTC vén de anunciar o HTC 10, o seu novo terminal de referencia para este 2016, un dispositivo do que temos falado moito nos últimos meses por ser un novo comezo para a compañía e, quizais, a súa derradeira oportunidade para sobrevivir.

En canto ao seu deseño, HTC volve apostar por un dispositivo de corpo unibody, cos biseis laterais lixeiramente curvados par permitir un agarre moito máis cómodo. Esta fabricado en metal, un material que a compañía leva empregando nos seus trebellos de referencia desde o ano 2013.

htc 10 - 1

As súas especificacións están á altura de calquera dispositivo de alta gama que se prece. Incorpora unha pantalla de 5,15 polgadas, Super LCD 5, con resolución QHD. No seu interior atopámonos o procesador Qualcomm Snapdragon 820, o modelo que levan – practicamente – todos os buque insignia deste 2016, xunto cunha GPU Adreon 530 e 4 GB de memoria RAM.

A cámara principal, traseira, recupera a tecnoloxía dos ultrapíxeles, mais iso si, subindo até os 12. Por outra banda, o sensor frontal é de 5 megapíxeles. Neste punto, cómpre destacar que ambas cámaras, frontal e traseira, veñen con estabilizador óptico de imaxe (OIS), convertindo ao HTC 10 no primeiro terminal móbil en integrar esta funcionalidade na cámara frontal, que cada vez ten máis relevancia polo gusto que temos as usuarias polas selfies.

Completando a parte multimedia tamén hai que falar da presenza do sistema de altofalantes BoomSound Hi-Fi con Dolby Audio, de gran calidade como xa ten demostrado HTC en dispositivos anteriores. Do resto de especificacións hai que destacar a presenza do USB Tipo-C, lector de pegadas dixitais e unha batería de 3000 mAh, con sistema de carga rápida.

En canto ao sistema operativo, como non podería ser de outro xeito, vén con Android 6.0 – Marshmallow, aderezado coa capa do fabricante, HTC Sense 8.0. Como xa vimos hai uns días, esta nova versión do Sense multiplica as posibilidades de personalización, mesmo incluíndo stickers que as usuarias poden poñer no escritorio.

htc 10 - 2

O novo HTC 10 estará dispoñíbel en catro cores (gris carbón, branco – negro, branco – branco e dourado). Poderase mercar a partir de maio por 799 euros, aínda que xa se pode resrevar.

Sobre o autor

Reply